Xavier Vence anima a que 2015 sexa “un punto de inflexión centrado en Galiza”

Vence

O líder do BNG denuncia o “deterioro” do país no ano que remata e anima a usar as urnas no vindeiro para “acabar co experimento do PP” mais advertiu que esa posibilidade “non pasa por ningún proxecto madrileño”.  

 

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, asegurou esta segunda-feira que Galiza viviu durante 2014 un "gran deterioro económico e social" e animou á cidadanía a "poñer fin ao experimento do PP en 2015 a través das urnas, marcando un punto de inflexión”, que na súa opinión pasa por apoiar “un proxecto centrado en Galiza, sen dependencias de Madrid”.

En rolda de prensa que serviu de balance de 2014 e avance de 2015, o dirixente nacionalista asegurou que Galiza é actualmente "un país que agoniza", en contra do que afirma “a propaganda cargada de mentiras do PP". Nesa liña, o líder do Bloque puxo como exemplo desta dramática situación o "declive demográfico cunha continua perda de poboación derivada do estancamento económico", os niveis "insoportábeis de desemprego e emigración”, ou o "desmantelamento do sistema produtivo" galego, con "perda do tecido produtivo nos sectores primarios".

"Proxectos madrileños temos demasiados en Galiza", di o líder do Bloque, que ve "un país que agoniza"

O portavoz nacional do BNG animou á cidadanía (da que destacou ás vitorias que conseguiu grazas á mobilización) a "superar esta situación" en 2015 e a "marcar un punto de inflexión" a través das urnas para "infrinxir unha severa derrota ao PP". "É o momento de poñer fin a este experimento", sentenciou. Este punto de inflexión debería ser, para Vence, de carácter nacionalista. 

Así, o líder do BNG explicou que Galiza "necesita hoxe máis que nunca un proxecto político centrado nas nosas necesidades e intereses”. “Iso non o ofrece ningún proxecto saído de Madrid, proxectos madrileños temos suficientes en Galiza", considerou Vence, para quen a "alternativa" é "un proxecto de base nacionalista". Nesta liña dixo ter "expectativas altas" e "aspiracións a todo" tanto para os comicios municipais como estatais de 2015, co obxectivo de "derrotar á dereita e ao PP sumando ao maior número de persoas cunha estratexia centrada en Galiza”.