Xavier Vence deixa o BNG

Xavier Vence

O ex portavoz nacional abandona a formación frentista. Comunicoullo ao BNG esta segunda feira a meio dunha carta, segundo confirmou a Sermos.

Xavier Vence, catedrático de Economía Aplicada da USC, declinou facer declaracións a Sermos, mais si confirmou a súa decisión de abandonar a militancia do Bloque Nacionalista Galego, organización da que foi portavoz nacional entre 2013 e 2016.

Vence discrepaba abertamente da opción tomada polo BNG cando a organización frentista optou -na XV Asemblea Nacional, febreiro de 2016- por afirmar a existencia dun espazo eleitoral propio e autónomo do nacionalismo galego. A aposta de Vence -a confluencia co que logo acabaría sendo En Marea- tivo moi exiguo respaldo nas bases do Bloque.

Vence -que segue os pasos de Xosé Manuel Beiras e Anxo Quintana, ex portavoces nacionais que no seu día abandonaron o BNG- fai este movimento a escasos días da realización da XVI Asemblea Nacional do Bloque, axendada para a fin de semana do 25 e 26 de marzo.

Posición do BNG

Esta mesma tarde, un portavoz oficial do BNG, a perguntas de Sermos, declinou realizar calquera avaliación sobre o abandono de Vence e mostrou o "máximo respeito" ante "calquera decisión de tipo persoal" que un militante poda adoptar nun momento dado.

O BNG non ten previsto emitir ningún tipo de comunicado oficial sobre este asunto.

NOTICIA ACTUALIZADA ás 17.30 horas.