Nós-UP lamenta que non haxa convocatoria unitaria para o Día da Pátria

A Dirección Nacional da organización independentista considera que “os diferentes ritmos e prioridades políticas, que respectamos, impediron esa convocatoria unitaria nesta ocasión". Entenden que a "unidade de acción" é a ecuación" para facer fronte á "multicrise do Estado español"

 

Nós-Unidade Popular entende que os diferentes “ritmos e prioridades” dos diversos axentes soberanistas están na raíz de que este 25 de xullo, Día da Patria, non haxa unha convocatoria unitaria. A Dirección Nacional da organización independentista afirma, nun comunicado, “lamentar” que non se concretizase unha aposta de unidade para esa data.

“Como ben saben o BNG, Causa Galiza, a CIG e o conxunto de entidades sociais sectoriais do campo da esquerda patriótica, NÓS-UP ten un firme e sincero compromiso de contribuír para facilitar a creación dun amplo, transversal, plural e supra-partidario movemento social soberanista a partir de postulados feministas e anti-capitalistas”, afirman no comunicado.

Nesa liña, engaden, “apoiaremos aquelas iniciativas de unidade de acción en prol da liberdade da Galiza e da emancipación do noso povo, como podería ter sido un 25 de xullo unitario”.

Apelo á unidade de acción

Nós-UP sinala, aliás, que “a única ecuación que defendemos e seguimos considerando necesaria [...] é a unidade de acción da esquerda independentista e do nacionalismo soberanista”.