A xuíza absolve o ex concelleiro do BNG García Mata e quita a razón ao agora alcalde Jácome
Jácome vía prevaricación na adxudicación das obras de acondicionamento de espazos urbanos na rúa Bedoya por un importe de 623.000 euros. A xuíza quítalle agora a razón ao absolver o ex concelleiro do BNG.
As obras foron adxudicadas mediante un procedimento negociado sen publicidade e urxente.
Nos fundamentos da sentenza, a xuíza destaca que non ficou probado que García Mata soubese que recorrer a ese procedimento fose contra a normativa vixente.
A celeridade na realización das obras veu determinada, entende a maxistrada, porque a Xunta concedera subvencións ligadas á súa pronta execución.
García Mata demitiu do seu cargo como concelleiro en 2010 após ser imputado por outro caso, a tramitación duns paneis publicitarios e informativos, desta volta a resultas dunha denuncia interposta polo PP. Naquela ocasión tamén fora absolvido pola Audiencia Provincial.