A xuíza ve delito en que o Concello de Santiago pagara a defensa dun edil imputado na 'Pokemon'

[Imaxe: Concello de Santiago]

Son sete @s concelleir@s que declararon en calidade de imputad@s por teren aceitado a proposta do edil de Deportes, Adrián Varela, de lle pagar con diñeiro público a asistencia letrada.


A Xunta de Goberno do Concello de Compostela que se reuniu o 30 de maio de 2013 sabía que o edil de Deportes, Adrián Varela, non fora imputado nese mesmo mes dentro da operación Pokemon por actividades propias do exercicio do seu cargo, senón realizadas "con abuso, exceso, desviación de poder e intereses particulares propios do grupo político".

As actividades polas cales está imputado Varela non se corresponden co execicio do seu cargo e foron realizadas "con abuso, exceso, desviación de poder e intereses particulares propios do grupo político"

Malia todo isto, aceptaron a petición de Varela Sarandeses de que fose o Concello quen, con diñeiro público, financiase os gastos da súa asistencia letrada para responder dos delitos de falsidade documental, aceptación de subornos e tráfico de influencias. 

Certo é que @s sete concelleir@s do PP compostelán imputadas por un delito de prevaricación aprobaron a decisión de pagar o avogado de Varela após recibir un informe do secretario do Concello onde se sinalaba que o edil tiña dereito a asistencia letrada pagada polo Executivo local. O que omitiron María Pardo, Amelia González, Francisco Noya, Cecilia Sierra, José Luis Bello, María Castelao e Juan de la Fuente foi que no devandito informe o secretario municipal explicitava que non debían concorrer as circunstancias contempladas na xurisprudencia do Tribunal Supremo.

Non se tomaron medidas para limitar o gasto ao erario público

A xuíza encargada do caso, Ana López-Suevos, transladou esta segunda feira as dilixencias á fiscalía para que determine se se abre xuízo oral ou solicita o arquivo da causa após entender que si concorrían tales circunstancias, pois os cargos polos que está imputado Varela non se corresponden co exercicio do seu cargo. 

A fiscalía dispón de 10 días para presentaren cargos ou arquivar a causa

Considera López-Suevos que existen indicios de criminalidade por todo o sinalado até o de agora, mais tamén porque a Xunta de Goberno permitiu que Varela Sarandeses escollera o seu propio avogado sen coñecer primeiro cales eran os seus honorarios, sen aprobar unha partida orzamentaria concreta e sen tomar precaución nengunha para que o cargo ao erario público non fora elevado. A fiscalía e, no seu caso, as acusacións particulares, dispoñen de 10 días para presentaren cargos ou arquivar a causa.