Sanidade

A Xunta adxudicou o control das obras do Hospital Álvaro Cunqueiro á empresa dunha antiga viceconselleira do PP de Madrid

As dúbidas pairaron sobre todo o proceso de posta en marcha do Hospital Álvaro Cunqueiro desde a chegada de Núñez Feixoo á Presidencia da Xunta. O recente informe do Consello de Contas resolve parte delas e apunta ás responsabilidades da Oficina Técnica de Seguimento, dirixida por Ana Sánchez.

EuropaPress_1722460_nueva_sentencia_tc_contra_mesa_congreso_vetos_rajoy_leyes_oposicion
photo_camera Ana Pastor, na imaxe con Mariano Raxoi, nomeou Ana Sánchez como directora xeral do Ministerio de Sanidade. (Foto: Europa Press).

O informe de fiscalización do Consello de Contas da Galiza sobre o contrato de concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo evidenciou uns sobrecustos na execución da obra de 470 millóns de euros, así como unha redución na súa capacidade asistencial en relación co proxecto inicialmente aprobado polo Goberno bipartito presidido por Emilio Pérez Touriño.

A actuación finalmente executada pola concesionaria das obras do hospital vigués non se correspondeu co proxecto licitado. Aínda así, esta foi avalada e validada pola Oficina Técnica de Seguimento (OTS), un ente creado pola Xunta da Galiza co obxectivo de supervisar o cumprimento do contrato adxudicado polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) á empresa construtora.

O 13 de maio de 2011, a Xunta de Galiza encomendaba á empresa pública de servizos sanitarios Galaria a xestión da Oficina Técnica de Seguimento (OTS) do novo hospital de Vigo. A orde do Goberno galego, publicada no Diario Oficial da Galiza (DOG) do 20 de maio, permitía a Galaria externalizar estes servizos a unha compañía privada, fixando uns custos de 3,9 millóns de euros, sen IVE, que tería que sufragar a concesionaria da obra.

A xerente de Galaria naquela altura era María Luisa Brandt Sanz, unha directiva de Caixanova moi próxima ao ex director xeral da entidade financeira, Julio Fernández Gayoso. Foi nomeada en 2009 xerente da empresa pública Galaria, dependente do Sergas, pola entón conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, permanecendo nesa responsabilidade até outubro de 2017, cando resultou nomeada xerente do hospital privado vigués de Povisa.

A sucesora Brandt á fronte de Galaria foi Rocío Mosquera, conselleira de Sanidade entre 2013 e 2015. Mosquera ocupou a xerencia do hospital privado compostelán Nosa Señora da Esperanza entre 2002 e 2009, naquel momento propiedade da familia Silveira, dona do centro vigués de Povisa e emparentada co presidente de Caixanova Julio Fernández Gayoso.

O 1 de xuño de 2011, Galaria adxudicaba a xestión da Oficina Técnica de Seguimento (OTS) do hospital vigués á mercantil Efficientia Clinica Management, constituída ese mesmo ano cun capital social de 3.100 euros e domiciliada no concello de Poio (comarca de Pontevedra). Recollía entón como obxecto social a “consultoría e xestión sanitaria nas áreas asistencial, enxeñaría e arquitectura hospitalaria”.

Efficientia Clinica Management recibiu o contrato da Oficina Técnica de Seguimento do Álvaro Cunqueiro, malia carecer de experiencia nese tipo de actuacións. Ao tempo, o enderezo da empresa estaba emprazado no domicilio particular da administradora única e o seu traballo desenvolvíao desde uns locais cedidos pola concesionaria. A administradora única da sociedade Efficientia Clinica Management era Ana Sánchez, habitual nos postos directivos sanitarios dos Gobernos do Partido Popular e que ocupara con anterioridade na Galiza cargos de responsabilidade no Sergas en Pontevedra, así como a dirección médica do Hospital do Meixoeiro de Vigo.

Ana Pastor

Unha parte da carreira política de Sánchez desenvolveuse na capital do Estado. Alí, exerceu a Dirección Xeral de Cohesión do Sistema Nacional de Saúde e da Alta Inspección no último Goberno de José María Aznar, baixo as ordes dunha persoa moi próxima, Ana Pastor, quen ocupou o Ministerio de Sanidade nese Gabinete.

Sánchez exerceu, tamén, diversas responsabilidades nos Executivos de Esperanza Aguirre na Comunidade de Madrid. Así, foi designada como xerente do Hospital de Fuenlabrada e, posteriormente, viceconselleira de Sanidade, na etapa do conselleiro Juan José Guemes, xenro do ex presidente da Deputación de Castelló, Carlos Fabra.

O período de Guemes á fronte da sanidade madrileña destacou polo avance do proceso privatizador. Ao tempo, a súa xestión estivo no foco da xustiza, unha vez que se comprobou que a Unión Temporal de Empresas (UTE) adxudicataria da xestión das análises clínicas de seis hospitais madrileños na súa época como conselleiro foi comprada polo grupo Unilabs, de cuxo consello de administración facía parte Guemes.

A empresa Unilabs foi unha das beneficiadas polas políticas de privatización da sanidade galega impulsadas polo PP. Tanto é así que a multinacional suíza xestiona o Laboratorio Central da Galiza, cuxo volume de traballo incrementouse coa supresión do laboratorio do Hospital Álvaro Cunqueiro previsto no proxecto inicial do Goberno bipartito.

Ana Sánchez foi destituída como directora da Oficina Técnica de Seguimento do hospital Álvaro Cunqueiro en outubro de 2015. A súa cabeza fora reclamada por boa parte da sociedade viguesa nunha multitudinaria mobilización e polas forzas da oposición parlamentaria, nomeadamente polo BNG e a extinta AGE. Porén, na súa caída resultou chave a destitución como conselleira de Sanidade de Rocío Mosquera, unha das súas principais valedoras na Administración galega.

A substituta de Ana Sánchez á fronte da Oficina Técnica de Seguimento foi Belén Baltar Trabazo, quen chegou ao cargo tras ocupar diversos postos de responsabilidade na área sanitaria de Vigo, onde exerce actualmente como subdirectora de Recursos Humanos.

Contas cuestiona o labor da Oficina Técnica de Seguimento do hospital

A Oficina Técnica de Seguimento (OTS) definiu e redactou o Proxecto Definitivo, o Programa Funcional e o Plan de Xestión do Hospital Álvaro Cunqueiro, que implicou unha redución dos servizos asistenciais recollidos no proxecto inicial e implicou un sobrecusto nas obras da dotación sanitaria. Nesta liña, as mudanzas introducidas significaron unha redución da superficie hospitalaria de 15.423 metros cadrados e na superficie de aparcadoiro de 16.173 metros cadrados.

O Consello de Contas da Galiza pon no foco o labor da Oficina Técnica de Seguimento nos traballos de construción do Hospital Álvaro Cunqueiro. A este respecto, sinala que “a constitución desta oficina foi encomendada a Galaria e, na práctica, a contratación dos seus integrantes foi realizada pola propia concesionaria, coa supervisión de Galaria. Isto non só supuxo que as contratacións non se realizasen coas garantías que ofrece a lexislación para os contratos públicos, senón que tamén supón un risco na efectividade do control”.

O organismo fiscalizador advirte de que “o feito de que os profesionais ou empresas contratadas dependan da concesionaria, e isto é así en canto é quen os contrata e quen paga directamente os seus servizos, pon en cuestión a independencia na toma de decisión e, en último termo, no control efectivo da execución da obra”. Neste punto, cuestiona que a OTS cumprise as súas funcións “de supervisar e controlar o cumprimento da execución do contrato e así queda recollido tanto nos pregos como no acordo de encomenda”.

Comentarios