A Xunta avala que a bandeira galega coa estrela “non teña cabida” nas bancadas dos estadios

Bará despregou a bandeira na intervención

As requisas e incautacións das tamén denominadas ‘estreleiras’ en diferentes estadios e recintos deportivos por policías e axentes de seguridade chegou de novo ao Parlamento de Galiza. Para a Secretaría Xeral para o Deporte, os “símbolos políticos” non deben ter presenza nos estadios.

Non son feitos isolados e puntuais. Desde hai tempo, seareiros de equipos de fútbol como o Celta, Dépor ou Lugo, entre outros, denuncian que as visitas do seu club a estadios de diferentes puntos do Estado vai acompañada da requisa, por axentes das forzas da orde ou dos propios equipos de seguridade dos clubs, de bandeiras e outros elementos con simboloxía galega. No cumio deste top de elementos obxecto de incautación, a bandeira galega coa estrela vermella, que recentemente comezou a denominarse tamén como ‘estreleira’. Mais non só ela: bandeiras coa vaca, bufandas con trisqueles, camisolas coa palabra ‘Independencia’, faixas coas bandeiras das nacións celtas.. o catálogo de requisas non é pequeno, como teñen denunciado seareiros e peñas.

 

O BNG volveu levar esta semana esta problemática ao Parlamento de Galiza a través do deputado Luis Bará, que exhibiu unha ‘estreleira’ na comisión parlamentar onde se debatía esta cuestión en protesta pola requisa deste símbolo en eventos deportivos. “Unha bandeira galega, democrática e legal”, manifestou, antes de ser chamado á orde pola presidenta da mesa da comisión e obrigado a retirar a bandeira.

 

O nacionalista trasladou o malestar existente entre seareiros e peñas ante a incautación de bandeiras e material en diferentes estadios (Vallecas, Valladolid, Leganés...), criticando que nalgúns deses campos se permitía a exhibición de enseñas e faixas de extrema dereita.

 

Xustificación

 

Segundo sinala o BNG nunha nota, a Secretaria Xeral para o Deporte  respondeu ao nacionalista que as bandeiras no deporte son “as dos equipos que están no terreo de xogo,  e os símbolos políticos non teñen cabida nestes espazos”. As actuacións en materia deportiva “están reguladas” pola Comisión estatal, delegacións de goberno, secretaría de Estado e propio Ministerio de Interior.

 

Bará acusou a secretaria xeral de situarse “fóra da lei e do respecto dos dereitos democráticos” pola súa exhibición de “sectarismo e intolerancia” e lembrou que os símbolos entran dentro da liberdade de expresión.