A Xunta fixo en 2013 adxudicacións por 213 millóns sen lles dar o procedemento de publicidade

Feijóo

Este procedemento restrinxe a difusión do contrato, impide a concorrencia e propicia prácticas incorrectas, denuncian desde a oposición. O PSdeG cifra nun 53% as adxudicacións feitas desta forma polo goberno galego o ano pasado.

O 53,4% das adxudicacións feitas pola Xunta en 2013 foron feitas polo procedemento negociado sen publicidade. O portavoz do Grupo Socialista preguntou na Comisión de Economía que explique o abuso deste procedemento que “propicia prácticas incorrectas”.

Méndez Romeu explicou que, de acordo cos datos do goberno galego, o 53,37 por cento das adxudicacións feitas en 2013 “non foron licitadas mediante anuncio público no DOG”, ademais de outras comunicadas unicamente a través da plataforma de contratación da Xunta, o que supón 213 millóns de euros, “unha contía excesiva”.

Engadíu que as adxudicacións sen publicidade “superan con moito ás adxudicacións realizadas no eido das obras públicas, que novamente sufriron en 2013 unha drástica caída”. Advertiu que mentres a Xunta tan só adxudicou 67 millóns de euros en obras públicas, a contía dos contratos sen publicidade é un 218 por cento superior.

Méndez Romeu dixo que o capítulo de investimentos reais do goberno galego ascendía a 699 millóns de euros en 2013, si ben finalmente o investimento en obra pública supuxo menos do 10 por cento desta contía, o que revela a “escasa capacidade de investimento da Xunta”. Esta cifra revela ademais a “gran cantidade de gastos que se camuflan baixo a rúbrica de investimentos, así como o moi baixo grao de execución”.