A Xunta demanda "claridade" ao Goberno español ante a previsión da chegada de máis de mil migrantes

Refuxiados da guerra de Malí chegando a Santiago o pasado mes de xullo (César Arxina / Europa Press).
O Goberno galego estima que chegarán á Galiza máis de mil migrantes e exixe ao Goberno español "claridade" para poder organizar a súa acollida.

A Xunta da Galiza reclama ao Goberno español "claridade" para organizar a acollida de migrantes procedentes das Illas Canarias e que, na súa maioría, foxen da guerra de Malí e contan con solicitude de asilo, ante a previsión de que cheguen máis de mil.

Fontes da Consellaría de Política Social e Igualdade sinalaron que o Executivo galego segue informado a través do delegado do Goberno español de novas chegadas á Galiza.

Porén, lamentan que a cifra que manexaba a Consellaría ao comezo da crise migratoria (estimada en máis de 700 persoas) era "moito máis próxima á realidade" que a que sostiña o Goberno español desde o inicio (470).

Esta discrepancia, apuntan estas mesmas fontes, "mesmo motivaron unhas declaracións do delegado do Goberno español acusando á conselleira, Fabiola García, de 'enredar' aproveitando unha crise humanitaria" como a actual.

Así, o departamento galego estima que a previsión de chegadas a curto prazo supera as 1.000, polo que demanda que haxa "claridade" para poder organizar a súa acollida xa que, tal e como lembrou, "hai competencias exclusivas da administración autonómica como sanidade ou educación" que terían que intervir.