Parlamento

A Xunta propón agora "un gran pacto" polo galego após anos de incumprir o Plan Xeral de Normalización Lingüística

O conselleiro José López Campos, esta terza feira, na Cámara galega. (Foto: Arxina)
A oposición critica a política lingüística do Goberno galego.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, iniciou esta terza feira as comparecencias dos novos responsábeis da Xunta da Galiza no Parlamento e fixo o seu primeiro ofrecemento aos grupos da oposición para alcanzar “un gran pacto pola lingua galega". Un ofrecemento que chega, como lle lembraron dentro da Cámara desde a oposición e fóra dela desde as redes sociais, após anos de incumprimentos por parte do Goberno galego do Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNL).

López prometeu un “diálogo respectuoso e sincero” con todos os grupos para antepoñer “o moito" que, dixo, os "une” na defensa do idioma.  Asegurou que traballará para articular un plan para proxectar o avance do futuro do galego partindo dos "consensos necesarios” que representen "un pobo que coñece, quere e usa o galego, sen ningún tipo de conflito social”. 

O conselleiro subliñou que o actual é o momento de iniciar “xuntos un gran pacto pola lingua” debido a que este 2024, o PXNL —aprobado por unanimidade no Parlamento— hai “vinte anos”.

Mercedes Queixas (BNG) criticou que o conselleiro fixera declaracións nestes días negando que haxa un proceso de substitución do galego polo castelán nas xceracións máis novas "Non só nega o que tantas familias, tantos colectivos docentes e comunidades educativas denuncian desde hai máis dunha década, senón que parece negar a evidencia científica de institucións como a RAG ou o Consello da Cultura Galega que conclúen que a escola galega, hoxe en día, desgaleguiza", afirmou.

"Desde o BNG pedímoslle complicidade para atender as desigualdades en que vive o galego, pedímoslle valentía e honestidade para romper coa política lingüicida e virada de costas á vizosidade cultural galega que o PP aplicou nestes 15 anos", reclamou a deputada.

Pola súa parte, Silvia Longueira (PSdeG) afeou López Campos que o Goberno galego se posicionase contra o uso do galego no Congreso ou "os incumprimentos no pacto pola lingua".

As palabras do conselleiro falando dun "gran pacto pola lingua" tiveron eco —e resposta— fóra do Parlamento. Así, A Mesa pola Normalización Lingüística sinalou nas redes sociais que "hai 20 anos que se aprobou por unanimidade parlamentar o Plan Xeral de Normalización.  Este plan ten obxectivos e 400 medidas concretas que a Xunta non activou.  Este é o grande pacto pola lingua do que o conselleiro non quere falar!".