A Xunta quer recuperar o plus para altos cargos tan pronto ‘’mellore a economía’’

A popular Paula Prado defende a reinstauración dun sobresoldo que a oposición cualifica de “privilexio inadmisíbel’’.

A Xunta quere recuerpar o plus para altos cargos tan pronto como a economía dé sinais de mellora. Así o manifestou a deputada do PP Paula Prado, que sinalou que se ben “agora hai outras prioridades” a onde destinar os cartos públicos, cando “a economía se recupere” podería volver a ser recuperado este sobresoldo para altos cargos cando deixen esta función.

Desde a oposición xa se criticaron esas intencións do Partido Popular. Así, para Ana Pontón “non é ético nin xusto” que se recupere ese plus e instou á Xunta a centrarse no importante, “recuperar emprego e poder adquisitivo” dos empregados públicos. Desde o PSdeG cualificouse de “indecente” que se pense en volver aplicar sobresoldos para altos cargos.

Ese plus para altos cargos foi suspendido en 2012 por mor da crise. Mais xa en máis dunha ocasión a Xunta deu sinais de querer recuperalo, algo que volveu evidenciar agora por boca da súa parlamentar e ex-portavoz na Cámara do Hórreo Paula Prado.