Xustiza

Que é o 'cártel dos cueiros' e por que lle reclama a Xunta até 150 millóns de euros?

Sede da Consellaría de Sanidade en Compostela. (Foto: Nós Diario)
Segundo a CNMC, as empresas, que sumaban unha cota do mercado do 95%, con apoio da federación, chegaron a acordos para fixar os prezos dos absorbentes financiados polo sistema nacional de saúde para persoas adultas non hospitalizadas.

Despois de que o Tribunal Supremo rexeitara as últimas apelacións de empresas multadas pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), a Xunta da Galiza confirmou a reclamación ás entidades que forman parte do chamado 'cártel dos cueiros para adultos'. A reclamación estimouse en 150 millóns de euros para facturas de entre 2004 e 2013, mais a cifra pode crecer, xa que se estuda estender a reclamación a oito anos atrás.

A CNMC considerou acreditado que varias empresas e a Federación Española de Empresas de Tecnoloxía Sanitaria (Fenin) conformaran un cártel entre 1996 e 2013 para fixar os prezos de venda aos distribuidores almacenistas destes cueiros para persoas adultas, que se venden en farmacias.

Xa en xaneiro pasado, a Xunta enviou unha reclamación por vía administrativa a todas as empresas que formaban parte deste cártel e agora "traballa na presentación da reclamación por vía xudicial".

O caso destapouse en 2016, cando a CNMC impuxo case 129 millóns de euros en multas a estas entidades, entre elas Ausonia -daquela Procter & Gamble-, Barna Import Médica ou Algodóns do Bages. Foi precisamente Procter & Gamble, a empresa que foi multada coa maior contía (uns 68 millóns de euros), a que desvelou esta práctica irregular para acollerse ao programa de clemencia e librarse da sanción.

Segundo a CNMC, as empresas —que sumaban unha cota do mercado do 95%—, con apoio da federación, chegaron a acordos para fixar os prezos dos absorbentes financiados polo sistema nacional de saúde para persoas adultas non hospitalizadas. "As empresas sancionadas fixaron os prezos e levaron a cabo acordos mediante a negociación e concertación co resto de axentes da cadea de distribución", expuxera entón a CNMC.