Yolanda Díaz: “Quero pensar que en En Marea non se están antepoñendo os intereses persoais”

Yolanda Diaz durante a entrevista radiofónica. [Imaxe: Ser / En Marea]

A ex coordenadora de Esquerda Unida e nova voceira parlamentar de En Marea no Congreso, demanda ao actual portavoz da formación, Luís Villares, que "repense" o seu papel e evita apoiar a súa continuidade como candidato nas próximas eleccións galegas.

Coincidindo co seu recente nomeamento como voceira de En Marea, dentro do grupo confederal de Podemos no Congreso, Yolanda Díaz debruzouse máis unha vez na crise aberta en En Marea. Fíxoo nunha entrevista concedida a Cadena Ser Galiza no programa Hora 14. Na mesma, a ferrolá expresou a idea de que o importante é superar o debate interno no seo do espazo En Marea para se dedicaren “a falar dos problemas do xente”. “As liortas internas serven para pouco”, aseverou.

 

No entanto, Díaz non fuxiu de dar resposta ás preguntas que a inquirían sobre a situación de evidente tensión que atravesa desde hai meses En Marea. “Quero pensar que en En Marea non se están antepoñendo os intereses persoais”, confesou ao tempo que tencionaba desdramatizar o conflito interno asegurando que “todos os partidos teñen convulsión” no seu seo. Díaz apostou en abordar o debate “pendente” de “repensar o papel das organizacións políticas no século XXI”, nunha mensaxe na que veladamente se afastaba das teses defendidas polo actual voceiro de En Marea en Galiza, Luís Villares, que suporían avanzar cara adoptaren unha configuración de partido e non de coligazón.

 

Cuestionamento a Villares

 

Preguntada sobre o papel de Villares e o seu liderado á fronte de EM, a deputada afirmou non crer “nos liderados unipersoais”. “Creo que Luís Villares é un magnífico voceiro no Parlamento galego”, acrecentou, limitándose a valorizalo no seu papel parlamentar mais non como máximo responsábel e voceiro público da organización. Neste sentido, Díaz aproveitou a entrevista para insistir na mensaxe das últimas semanas instando ao actual portavoz a rectificar a súa aposta no deseño organizativo de EM como partido. “Se eu fose Luís Villares repensaría o que estamos facendo. Estamos divididas pola metade e é dificil construír así”, recalcou nos micros da SER. 

 

Díaz limitouse a valorizar positivamente o papel de Villares no Parlamento, mais non como portavoz de En Marea

A pesar de parabenizar a labor de Villares no Pazo do Hórreo, Yolanda Díaz evitou posicionarse explicitamente sobre a súa continuidades como candidato nas próximas eleccións galegas.  “De aquí ás próximas autonómicas, non me atrevo a dicir nada. Se hai unha característica deste tempo é que todo queda demasiado lonxe. Todo vai correndo, non me atrevo a dicir o que vai pasar”.

 

Cos alcaldes e Beiras

 

Partidaria de reverter o camiño iniciado pola actual dirección de EM, Díaz defendeu que “con absoluta lealdade e humildade creo que toca repensar, parar e colectivamente tender a man para construír unha fórmula que nos faga ser capaces de construír Galicia”. Esa fórmula pasaría por procurar un maior encaixe á “pluralidade” interna, que se expresa na existencia de suxeitos organizados diferentes no seo da formación. Nesa tarefa, a ex coordinadora de Esquerda Unida avogou por incorporar os alcaldes das mareas municipais. “Temos un cariz municipalista e unha ferramenta, hai que contar con eles e ir parellos. Os liderados máis clásicos e e verticais creo que agora non funcionan. Son partidaria da súa implicación [dos alcaldes]. Sen eles non imos chegar á Xunta“. 

 

"Os liderados máis clásicos e verticais creo que agora non funcionan", defendeu.

Despois de demandar “audacia e altura de miras”, Díaz afirmou que para ela Xosé Manuel Beiras é “unha peza chave” para EM. “Beiras é o grande referente deste país e tampouco se pode construír nada sen el. É impensábel facelo todo sen o que el representa. É unha peza imprescindíbel”, dixo do que fora o seu compañeiro de ticket electoral na campaña das autonómicas de 2012 sob a fórmula de Alternativa Galega de Esquerdas. O distanciamento entre ambos os dous dirixentes é notábel, e Beiras chegou a recoñecer publicamente sentirse “traizoado” por  Díaz.


Madrid

 

A deputada defendeu tamén que “a axenda galega está presente” no Congreso. Nese sentido, citou as iniciativas promovidas en relación ao conflito de Ferroatlántica, a AP-9 ou o Pazo de Meirás. En relación ao bloqueo do traspaso da autoestrada do Atlántico, anunciou a intención de EM de “tentar levantar o vento da Mesa do Congreso” e cargou contra a incoherencia do Partido Popular, por apoialo en Galiza e vetalo en Madrid. Cuestionada sobre o papel desempeñado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixóo, Díaz cualificouno de “visitante en Galiza”, de “turista” que se “pon de perfil” fronte aos problemas do país.  

 

Sobre a posibilidade dun acordo co PSOE que permita un cambio de goberno no  Estado, Díaz amosouse prudente por causa dos cambios de posición do PSOE. Mais recoñeceu que existe esa posibilidade. “Quero pensar que é así. Tómome a serio as reunións que temos. Quero pensar que a realidade é esta. Non hai ningunha razón para ter a Raxoi como presidente do Goberno, é posíbel desbancar a Mariano Raxoi. Sí, é posíbel”, remachou.