Yolanda Díaz reaviva o seu proxecto político cunha primeira parada na Galiza

A ministra Yolanda Díaz estivo a principios de semana na Galiza, onde participou nun acto na Facultade de Ciencias Políticas da USC. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Descoñecemento ante unha iniciativa aínda sen concretar.

Unha simple cea entre "xente que levamos tempo sen vernos".  Estas foron as palabras coas que Xulio Ferreiro, ex alcalde da Coruña, sen máis, definiu onte, a Nós Diario, o encontro que mantiveron a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, o ex alcalde de Santiago, Martiño Noriega, a concelleira de Compostela Aberta Marta Lois e o propio impulsor da Marea Atlántica. Unha cita de carácter privado que decorreu na recente visita da vicepresidenta segunda do Goberno español e que transcendeu a través dela mesma, quen se declarou "ilusionada" coa reactivación do proceso para tecer un novo proxecto político que pretende aglutinar a esquerda do PSOE. 

Preguntado por Nós Diario, Martiño Noriega desbotou facer declaracións sobre o que considera unha xuntanza de coñecidos e indicou que el na actualidade está centrado no seu labor como médico de Atención Primaria, "que bastante exixe".

A cea cos ex alcaldes das Mareas e a edila de Compostela Aberta tivo lugar un día antes de que o cofundador e ex líder de Podemos, Pablo Iglesias, marcase distancia co proxecto de Díaz, afirmando que a ministra "existe" grazas a esta formación política. 

A axenda da vicepresidenta segunda esta terza feira na Galiza estaba marcada por un acto na facultade de Ciencias Políticas da Universidade de Compostela, mais acabou acaparando a atención a citada cea.

Informou Yolanda Díaz

De feito, foi Yolanda Díaz quen deu a coñecer, en declaracións aos medios antes do acto na Facultade de Ciencias Políticas, que mantivera unha cea con Ferreiro e Noriega, "persoas que respecto e quero", para acrecentar a seguir que no seu proceso de proxecto político necesitará "todas as mans, todos os corazóns e toda a intelixencia".

Porén, fontes dese espazo político que se coñeceu como as mareas indican que nada saben deste novo proxecto político que Yolanda Díaz anunciou a finais do ano pasado que quería impulsar. "Non sabemos nada oficial nin non oficialmente. Non hai contactos nin creo que os haxa, nin agora nin despois", indica a Nós Diario Antón Sánchez, portavoz de Anova, que declinou facer declaracións sobre este tema.

Fontes do municipalismo compostelán tamén recoñecen que non hai contactos políticos a respecto do novo proxecto de Yolanda Díaz, "do que pouco se sabe, non está formalizado, non coñecemos propostas". Non desbotan que poida haber este tipo de contactos nun futuro mais a prioridade actual é, indican, o labor municipal. Outra das patas daquel espazo de confluencia, Esquerda Unida, manifestaba hai uns meses por boca da súa coordinadora, Eva Solla, sobre a iniciativa que impulsaba Yolanda Díaz, que "a fórmula da plataforma ampla" permitía "concitar o maior número de forzas de esquerdas" ante un contexto de "ascenso" da extrema dereita.

Sen concreción

“O que ten que saber a cidadanía é que eu son unha demócrata e que cando faga este proceso de escoita o que teño claro é que se dou un paso adiante, vai decidir a cidadanía", sinalou Díaz a respecto do seu proxecto, unha iniciativa da que na Galiza se recoñece o descoñecemento a estas alturas sobre que implica.

Seis meses por diante para percorrer o Estado

A propia Yolanda Díaz mostrouse a principios desta semana "moi ilusionada" nunha entrevista na televisión española por iniciar "en poucos días" o proceso de "escoita social" para o seu proxecto político após aparcalo a finais de marzo co argumento de centrarse no Executivo e atender a crise provocada pola guerra en Ucraína. Un proceso que anunciou se prolongará seis meses e no que percorrerá o Estado.