Yolanda Díaz sobre Sumar: "Isto non vai de partidos"
A vicepresidenta segunda do Goberno español, Yolanda Díaz, presentou de maneira oficial este domingo a plataforma Sumar nun acto público en Madrid en que fixo pública, de novo, a súa intención de concorrer á Presidencia do Goberno do Estado baixo o nome da nova plataforma.
Díaz estivo acompañada no acto de diferentes personalidades da política como o deputado de Más País no Congreso, Íñigo Errejón, a alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, o tamén deputado de Unidas Podemos na Cámara baixa, Alberto Garzón ou o ex candidato á Presidencia da Xunta da Galiza, Antón Gómez Reino.
A candidata á Presidencia do Goberno español, concedeu unha entrevista no programa La Hora de la 1 da Televisión Española (TVE) en que asegurou que Podemos “terá que explicar por que decidiu quedar fóra” de Sumar.
“O proxecto xa está en marcha e non vai de partidos, os votos non son de ninguén, son da cidadanía" e os partidos deben estar pero non teñen que ser”, afirmou Díaz na entrevista
Non haberá 'suma' de siglas
Durante o decorrer da entrevista, Díaz asegurou que “á cidadanía non lle interesan as fórmulas xurídicas” para despois manifestar que “non vai haber suma de siglas”.
Sobre a posibilidade de que Sumar se presente ás vindeiras eleccións, a vicepresidenta do Goberno asegurou que “o proxecto de Sumar non está preparado para concorrer ás urnas”, mais si que relatou que “de aquí a xuño, presentaremos o proxecto de país para a próxima década”.
Primarias
Acerca dos procesos de democracia interna dentro da plataforma, Díaz manifestou que “quere ser a primeira presidenta de España" e que o seu movemento se someterá a "un elemento democrático de primarias".
Díaz insistiu en que será un proceso “sen tutelas” e o seu proxecto é “totalmente autónomo”. “Non somos o complemento de ninguén”, acrecentou.