En sin igual batalla ...

Ilustración de Doré do Quixote

O título anterior correspóndese co 7º verso do derradeiro poema do primeiro libro de Follas Novas e aproxima o titular da capa deste Sermos 152 á semántica das grandes narracións épicas. 

 

Loita desigual contra o lume, podemos ver impreso. En sen igual batalla, poderíamos completar. Como na épica, a linguaxe cotiá  aplicada para situacións en que se loita por unha meta ou un ideal, cun “inimigo” por veces pouco definido e inaccesíbel. E tamén con poucas posibilidades de saírmos airosos. É a batalla de Don Quixote contra os muíños convertidos en xigantes (...ponte en oración mentres eu vou entrar con eles en fera e singular batalla). A batalla fera e singular, única.  Unhas veces a batalla líbrase entre a realidade e fantasía; outras entre diferentes planos do non corpóreo: 

... sentindo como loitan
en sin igual batalla
inmortales deseios que atormentan
e rencores que matan...

A prensa, cronista obxectiva da realidade, entra a miúdo no plano da realidade literaria, da suxerida e, por ocasións, nesa estrutura conceptual que asocia poderes tan diferentes, varía unha das palabras e onde había loita hai disputa: “disputa desigual” escribe o brasileiro  Diário do Centro do Mundo para se referir ao conflito xudicial entre o director de telexornalismo da Globo e un blogueiro (É o milhão contra o tostão, quer dicer, o millón contra o céntimo, o poderoso contra o pequeno)

"A prensa, cronista obxectiva da realidade, entra a miúdo no plano da realidade literaria, da suxerida" 

Con este mesmo valor e usando batalla en vez de loita para se referir á loita dos traballadores comúns contra as grandes corporacións dos EUA o Blog em resposta, titula ”Batalha desigual nos EUA: uma implacável luta de classes vinda de cima” 

Nunha nota de abril de 2015, o periódico arxentino Los Andes, pon como pé de foto: “Militares libios luchan una batalla desigual contra el EI” e en Cubadebate podemos ler un titular ben curioso “ Lobo marino y pulpo se enfrentan en desigual batalla”. Finalmente vence o lobo, segundo nos ilustran as fermosas fotografías que acompañan.

Un artigo de El País, crónica de viaxes, do ano 2007, sitúa en Grecia a “asombrosa e desigual batalla” que se deu nas Termópilas no ano 480 antes de Cristo. 

Tamén asombrosa e desigual é a batalla que hoxe se está a desenvolver en Grecia. Sermos dedica o editorial e a páxina 31 a facer crónica desa guerra. Como desigual resulta o relatado na páxina 30. Aínda que aquí os adxectivos máis adecuados serían outros. E, finalmente, para batallas desiguais as referidas na dupla páxina de social. Lean.