Ruptura, soberanía, patria e nación

A Cova do Pico Sagro

Esta semana non é a capa do Sermos a que atrae a miña atención. Non é que non goste desa bandeira a ondear no alto do Pico Sagro, non lonxe de onde se abre unha tremenda fenda na terra para extraer cuarzo. 


Ese monte que, xusto no mesmo ano en que morreu Rosalía, 1885, José Fernández Sánchez e Francisco Freire, nun libro titulado Guía de Santiago y sus alrededores describen desta maneira: “ofrece grande interese histórico, arqueolóxico e relixioso a excursión ao Pico Sagro (así dito, no seu texto en español) e non gozará menos o xeólogo e o naturista, sobre todo se tiveren tempo e vagar, despois de estudar a súa fauna e penetrar nos seus misteriosos antros, para prolongar a excursión até o centro do amenísimo val da Ulla”

Así que non vou falar da capa, por máis que nese monte se sitúen parte das lendas relacionadas coa soberana raíña Lupa.

Non, porque o que chama a atención neste Sermos 155 é a abundancia de termos relacionados con conceptos como  RUPTURA (até catro veces aparece a palabra na páxina seis, dúas na doce; RUPTURISMO, tres veces na páxina 6); SOBERANÍA ou SOBERANISMO non fican por tras. Galiza aparece máis de cuarenta veces, o que representa máis de unha por páxina e PATRIA aparece outras tantas. Non menos veces (na realidade, máis) aparece a palabra NACIÓN ou algún dos seus derivados. 

RUPTURA, SOBERANÍA, PATRIA E NACIÓN. Catro palabras polas que ben vale a pena ler este Sermos 155, deixando atrás toda a suxestión da capa. Porque non todos os tesouros se agochan na cova do Pico Sagro (Sagro, e non Sacro)