#sermos148: Debemos 10.000 millóns de euros

Capa do Sermos148

A débeda pública galega, os concellos que veñen, entrevistas a Farruco Sesto e X.M. Álvarez Cácamo, unha moza galega no cume do ballet mundial... Todo isto e moito máis, neste número do semanario. Xa á venda na nosa loxa. 

A débeda pública galega abeira os 10.000 millóns de euros, representa xa o 18% do PIB e consome 16 de cada 100 euros do orzamento da Xunta de Galiza. Unha hipoteca sobre a economía real que cobran entidades financeiras e prestamistas. Unha cuestión que tratamos neste #sermos148 como Tema da Semana e que vai acompañada dun artigo de Francisco Jorquera, portavoz parlamentar nacionalista.

A crónica política analiza sob o título ‘Feijóo oferécese como renovador do PP’ a baralla que está a xogar o presidente. E en ‘Os concellos que veñen’, pasada a resaca dos resultados electorais, achegámonos con Olalla Rodil ás corporacións municipais que están por chegar. Con Manuel Requeixo (BNG), Martiño Noriega (Compostela aberta), Roberto Fernández Rico (PSOE) e Xan Jardón (Compromiso por Galicia) --con quen conversamos-- compomos unha nova fotografía municipal.

En ‘Se as leis se cumprisen...’ debullamos a norma que regula o fomento do sector naval da Galiza leva en vigor cinco anos sen que se cumprisen os seus aspectos máis importantes. Tamén informamos do proxecto construtivo do tren á dársena exterior de Ferrol, que acumula xa once meses de retraso.

En ‘Unha tempada para reforzar o soño europeo`. O Celta de Vigo fecha un ano de grandes sensacións. Tanto polos resultados como polo xogo, que certifican o seu asentamento na máxima categoría só tres anos despois do ascenso. Ademais, falamos con ‘Preferencia Celeste' e ‘Nós’ para que avalían a tempada da armada celeste.

Farruco Sesto e Álvarez Cácamo

Entrevistamos a dupla páxina a Farruco Sesto aproveitando a súa visita a Galiza. O ex-ministro de Vivenda e Cultura con Chávez, arquitecto, escritor, profesor e protagonista da revolución venezuelana confesa: “O reto é transformar un país de cultura rendista nun país produtivo. Todo mentres pasamos do capitalismo ao socialismo”. En ‘Viaxes na Miña Terra’ percorremos co colectivo Xea o carballa de Coiro, na península do Morrazo.

E máis unha entrevista, ao escritor X.M. Álvarez Cácamo: "A cultura galega ten que continuar na resistencia combativa”. E en ‘Rexenera Fest. Arte para as cicatrices urbanas’ falamos do I Festival de Arte Pública de Carballo, que se celebra do 1 ao 7 de xuño en Carballo,convoca a destacados muralistas da escena internacional.

‘Unha galega no cume do ballet profesional’. Desde 2004 a viguesa Dores André promocionou a bailarina solista no Ballet de San Francisco mais foi en 2015 cando Dores André conseguiu o soño de calquera profesional da danza clásica, tornarse en principal, converténdose na única galega en logralo nunha compañía de recoñecemento e sona internacional como a de San Francisco.