'Contra a miseria na Universidade'

Imaxe: Marcos Guisasola
Cadrando co Día internacional da loita estudantil nas nacións sen estado, miles de persoas secundaron nas rúas da Galiza a xornada de folga convocada por Liga, Comités e Agir e advirten da que se lle vén enriba ao ensino público galego: ''centralización e privatización''

Once de outubro, Día internacional de loita estudantil. As organizacións dos pobos do estado revóltante en contra das políticas practicadas polo Goberno español e que escoran cara a Madrid. Na Galiza, miles de estudantes de todos os niveis de ensino xuntáronse en seis cidades —Ourense, Lugo, A Coruña, Compostela, Pontevedra e Vigo— para facer público máis unha vez o seu rexeitamento aos recortes no sistema educativo, unha tesourada que deixou abaneando a condición de universal deste dereito fundamental. Os tres colectivos convocantes, Comités, Liga estudantil e Agir, cadran ao sinalar cara o interese do Executivo de Mariano Rajoy, nomeadamente do seu ministro José Ignacio Wert, de "expulsar da Universidade os fillos dos obreiros".

A suba das taxas, 2.500 docentes menos nos últimos tres anos, a normativa de permanencia ou a presencia anecdótica do galego nas aulas do país —un informe da Mesa apunta a que unicamente o 3% dos centros de infantil imparten as materias integramente na nosa lingua—. Son algunhas das modificacións amparadas no anteproxecto de contrarreforma educativa redactada en Madrid e que conta, entre outros obxectivos, co de "españolizar" o alumnado das nacións sen estado, tal e como recoñeceu o propio Wert no Parlamento.

Ensino público e de calidade contra a miseria na Universidade, berraban na praza do Toural de Compostela, nunha concentración con moita festa cuxo éxito de participación transformou nunha camiñata até San Caetano. O estudantado foise queixar diante da consellaría de Educación, cuxa entrada permaneceu blidada por varios axentes da policía española no tempo que durou a protesta.

Feijóo, detrás das migallas de pan que deixa Rajoy
"O estado español marca pautas totalmente centralizadoras e españolizadoras contrarias ao noso ensino, e a consecuencia non é só a exclusión da lingua senón tamén a merma da calidade da docencia", apuntou Laura Arjonilla, voceira da Liga estudantil.

Pola súa banda, o responsábel nacional dos Comités, Daniel Candal, fixo fincapé en que "as competencias no ensino están practicamente todas transferidas, mais sen desenvolver, perante a tentativa do PP de que exista un único sistema educativo". Chamou a quen goberne despois do 21-O a dicirlle 'non' á contrarreforma educativa "por atacar o ensino público galego e por invadir competencias".

Por derradeiro, Miguel Cuba recalcou que a comunidade educativa "está até o pescozo das medidas recentralizadoras e privatizadoras", e criticou a maneira de gobernar da formación conservadora que, en palabras do voceiro de Agir, se executa "a golpe de real decreto e sen debate".

Así as cousas, recordan as tres organizacións outras medidas aplicadas, como o sistema de selección de alumnado que imporán as reválidas; e advirten de que esta foi a primeira xornada de loita unitaria convocada, mais non será a última. De momento, o 17 de outubro volverán ás rúas. O chamamento asínano Comités e Galiza Nova.