"Devolveremos o Rei Melchor cando nos devolvan a mestra"

Cabalgata de Reis en Castrelo de Miño
A ANPA do CEIP Castrelo de Miño secuestrou na pasada cabalgata o Rei Melchor en protesta pola falta de profesorado do centro. A responsábel do Departamento territorial de Educación de Ourense, Marisol Díaz Mouteira, negoulles unha docente máis, malia cumpriren cos requisitos de número de alumnado por aula

 

Os recortes en educación están a causar indignación entre as ANPAs do país. Unha das últimas protestas contra a redución de persoal docente tivo lugar no concello ourensán de Castrelo de Miño nesta Cabalgata de Reis. Nenas e nenos do CEIP dese municipio "secuestraron" o Rei Melchor para esixir da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galiza que se lles devolva a praza docente retirada este curso escolar "por falta de alumnado".

"Devolveremos Melchor cando nos devolvan a mestra", sinala Emilio Casado, presidente da ANPA. Pais e nais están indignados despois de teren varias reunións coa responsábel de Educación en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, quen se negou a restituírlles a praza eliminada despois dos cambios en número de alumnado por aula. "Agora temos máis alumnado matriculado polas novas familias que viñeron a Castrelo e aínda así non queren enviar o profesorado ao que temos dereito".

Reivindicacións

A ANPA do CEIP Castrelo de Miño leva varios meses de reivindicacións, manifestándose en Compostela e no propio concello con accións como o lanzamento de libros ao río Miño ou un simulacro de afogamento do conselleiro na piscina municipal. Na actualidade este centro conta cunha directora, unha mestra especial para un neno con autismo, outra de infantil e tres para atender a 48 alumnas e alumnos matriculad@s. "Temos aulas con tres cursos a un tempo", asegura o presidente da ANPA, "polo que non deixaremos de esixir que se cumpran os nosos dereitos".

A zona do Ribeiro é unha das máis castigadas polos recortes en educación. Os de Castrelo de Miño, Cortegada, Cenlle e Carballeda de Avia reduciron unha aula e dous postos de traballo cada un.