'Eu non quero que o papa veña á Galiza'

[Imaxe de arquivo]

Perante o desexo de Feijóo de que Francisco I visite o País en 2014, unha petición en Change.org rexeita o financiamento con diñeiro público da viaxe da máxima autoridade da Igrexa católica. É o tiro de saída doutra mobilización social ao redor do Eu nom te espero que en 2010 deu a 'benvida' a Ratzinger


Após a "aspiración ambiciosa moi difícil mais non imposíbel" feita pública polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na liña de que o novo papa, Jorge Mario Bergoglio, visite a Galiza en 2014, unha petición aberta en Change.org aberta polo colectivo Dereitos Civís rexeita o financiamento con diñeiro público da estadía do pontífice no noso País. Hai tres anos a viaxe de Bento XVI a Compostela custou 2.456.558 euros en diñeiro público, segundo detallou no Parlamento o conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda.

Tomando en conta que o papa tomou posesión do cargo como Francisco I en lembranza a Francisco de Asís e cadrando co oitavo centenario da peregrinación deste santo a Compostela, segundo a tradición relixiosa, Feijóo e o ministro xeral da orde franciscana, José Rodríguez Carballo, subscribiron un protocolo de colaboración entre a Xunta e esta orde relixiosa en que o titular do Executivo galego manifestou o seu desexo de que o papa "volva aos pasos" de Francisco de Asís e visite a capital da Galiza como "guinda" a unha programación "ambiciosa" coa que o Goberno galego pretende conmemorar o acontecemento relixioso. 

Porén, tal e como aconteceu en 2010, a morriña de teocracia proclamada por Feijóo bateu coa cidadanía. Se daquela a capital galega estoupou en mostras de rexeitamento á visita da máxima autoridade da Igrexa católica ao abeiro do Eu nom te espero, desta volta non vai ser menos. Unha petición en Change.org procura sinaturas en contra da visita papal e do seu financiamento con diñeiro público, así como medidas postas en marcha daquela como a blindaxe de Compostela con 6.000 efectivos da policía española, limitando a libre circulación da cidadanía e tornando en cotiáns os cacheos nas semanas previas á aterraxe de Bento XVI. 

Eu nom te espero

Foi o lema da 'cara B' da visita do papa á Galiza cadrando co Ano Santo e o punto de partida dunha ampla mobilización cidadá que se organizou após o éxito das bandeiras deseñadas ex profeso polo centro social compostelán Gentalha do Pichel, que levaban rotulado o Eu nom te espero acompañado dunha mitra rotulada dentro dun triángulo, en sinal de 'perigo'. Distribuíronse 1.300 panos. 

Así as cousas, Mulheres Transgredindo e a Rede Feminista Galega pediran o ingreso en prisión do papa por "delitos de lesa humanidade", entre os que citaban os referidos a "tortura, abusos sexuais a menores e encubrimento dos mesmos, apoloxía da misoxinia e homofobia por persecución por motivos políticos, étnicos de xénero ou de orientación sexual", entre outros. Varias manifestacións deixaron claro o seu rexeitamento á presenza do pontífice. Centos de persoas concentráronse na Alameda de Compostela o 4 de novembro de 2010 e un cordón da policía española impediulles saír en manifestación. Dous días despois e rodeadas pola policía ("porque a cruz e a porra veñen xuntas") realizouse a concentración 'As mulheres galegas nom te esperamos' que rematou nunha bicada masiva.

Tamén acadou protagonismo unha parodia desta bandeira en que se vía Mehmet Alí Agca, o home que disparou a Juan Pablo II en 1981 na praza de San Pedro do Vaticano, acompañado do lema Eu sim te espero. As protestas rexeitaron a turistificación da Galiza e os valores da xerarquía eclesiástica, así como o investimento de cartos públicos para pagar a visita e a paralización que supuxo da vida cotiá na cidade de Compostela.