'Mullerenaxe' popular ás dúas Marías

Cadrando co 76 aniversario do levantamento fascista do 36, na Alameda de Compostela queren traer ao presente ás dúas mulleres retratadas na estatua de cores rechamantes. Foron torturadas por non quereren informar do paradoiro de dous irmáns anarquistas fuxidos. Reclaman que unha placa conte a súa historia de resistencia

Contan que saían ao paseo polas rúas do casco vello ás dúas da tarde --chamábanlles 'as dúas en punto'--, vestidas con cores moi rechamantes. Toda unha provocación naqueles anos, tratándose sobre todo de dúas mulleres. A súa vida fala de represión e loita. Eran doce @s fill@s do zapaterio da rúa Espírito Santo, tres deles militantes da CNT. Un foi paseado. Os outros dous fuxiron e ficaron agochados varios anos, até que deron con eles e os encarceraron. A elas torturáronas. Querían información sobre os irmáns varóns.

Para alén da violencia coa que foron tratadas pola Policía Social, sufriron en carne propia a violencia dunha veciñanza que lles deu as costas, boicoteando o taller de costura que rexentaban porque non querían ser sinalad@s como colaborador@s. Rexeitaron sempre as esmolas, mais o apoio do pobo chegáballes en forma de alimentos e coa colecta de 250.000 pesetas xuntadas para buscarlles aloxamento cando unha treboada lles derrubou o teito da casa. Nos '60 era ese o valor dun piso novo.

Até aquí un pequeno resumo da verdadeira historia das Marías, as irmás Coralia e Maruxa Fandiño, dúas mulleres con nome propio na intra-historia compostelá. Soportaron a represión da ditadura e e a violencia social. O seu vestir e a súa maquillaxe desafiaron o gris daqueles tempos. Cadrando co 18 de xullo, cando se fan 76 anos do levantamento militar fascista de 1936, a cooperativa As Dúas e a libraría feminista Lilith organizan para a cuarta que vén unha mullerenaxe para lembrar ás dúas irmás diante da estatua que lles ergueron na Alameda compostelá, alén de reivindicar a colocación dunha placa que as despoxe dunha vez da etiqueta de tolas e conte a súa historia de resistencia.

O ano pasado, cadrando co 75 aniversario do levantamento do fascismo, foron as asociacións O Galo e Ateneo de Santiago as que recordaron a Coralia e Maruxa cunha homenaxe de poesía e flores. Desta volta, o feminismo quere traer ao presente a memoria destas dúas mulleres cun acto en que tamén haberá flores --convidan a quen asista a levar unha flor lila ou vermella-- e unha sorpresa en forma de música.