Nunca Máis presenta recurso contra o Plan de Continxencias da Xunta

Presentación do recurso de Nunca Máis
Mañá retómase o xuízo polo afundimento en 2002 do petroleiro diante das costas galegas. Este mes declararán como acusados o capitán do buque, o xefe de máquinas e o ex-director xeral da Mariña Mercante. A Plataforma Nunca Máis presentou un recurso contra o Plan Territorial de Continxencias (CAMGAL).

 

O macro-xuízo público pola catástrofe do Prestige regresa ao recinto feiral de ExpoCoruña mañá 13 de novembro cando se cumpren dez anos da maior desfeita ambiental acontecida na historia da Galiza. Ás 15:15 horas dese día recibiuse a primeira chamada de socorro do petroleiro alertando dos problemas que tiña cando estaba a 28 millas da costa galega. Os acontecementos posteriores, afastar o buque até que afundiu, forman parte do motivo deste xuízo.

A sesión de mañá comezará coa declaración do capitán do buque, Apostolos Mangouras, e continuará este mesmo mes coa do xefe de máquinas, Nikolaos Argyropoulos, e o ex-director xeral da Mariña Mercante, José Luis López Sors. O primeiro oficial do Prestige continúa en paradoiro descoñecido.

Europa exixe autoridades con “competencia” e “experiencia” e o CAMGAL coloca como autoridades competentes @ conselleir@ de medio Rural e @ responsábel nesta materia da mesma consellaría

Recurso de Nunca Máis

A Plataforma Nunca Máis presentou un recurso de reposición contra o Plano Territorial de Continxencias (CAMGAL) aprobado pola Xunta o pasado 27 de setembro deste ano.

A primeira alegación cuestiona a contradición que representa que Europa exixa autoridades con “competencia” e “experiencia” e o goberno de Feijóo poña como autoridades competentes @ conselleir@ de medio Rural e @ responsábel nesta materia da mesma consellaría.

En segundo lugar denuncian que os centros de almacenamento ou bases loxísticas en caso de accidente marítimo “están moi afastados do lugar onde acontecen a maioría dos grandes accidentes marítimos: Fisterra e A Coruña”. Tamén critican a eliminación do proxecto ESEOO, un estudo de análise de riscos, e que non se analicen as verteduras procedentes da limpeza ilegal dos depósitos de buques en alta mar, os denominados “sentinazos”.

O recurso de Nunca Máis considera que non se aborda a mellora dos medios navais existentes nin a dos medios de protección, así como tampouco contempla a revisión periódica deste material nin a formación e adestramento do persoal nin ao que no se lle cuantifica os postos de traballo que se precisarán. Por último critica que non se determinen os lugares de refuxio dos buques en caso de accidente e que non se investiguen as verteduras procedentes da limpeza ilegal dos depósitos de buques en alta mar e exixen unha Auditoría en base a normas de calidade do propio Plano CAMGAL.

Imaxe: Nunca Máis