De 0,5 a 0,2: Grande-Marlaska propón reducir a taxa de alcol ao volante

Proba de alcolemia durante un control de trñafico. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
O Ministro do Interior asegura que é o momento de dar un paso adiante e adoptar unha medida que contribuirá a reducir os sinistros mortais nas estradas.

O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, apostou esta quinta feira por iniciar os trámites parlamentarios para baixar a taxa de alcol en sangue ao entender que a "sociedade española está madura" para aceptar este cambio e reducir aínda máis a sinistralidade das estradas.

O Estado español rexistra 36 falecidos por millón de habitantes fronte á media da UE, de 47 mortos

O anuncio realizouno nun Almorzo Informativo de Forum Europa e fontes do Ministerio do Interior explicaron que a intención é que, asumindo a proposta da Dirección Xeral de Tráfico (DXT), a taxa xeral quede reducida a 0,2 gramos por litro de alcol en sangue, fronte ao 0,5 actual.

Segundo estas fontes, o cambio levaríase a cabo mediante a revisión do artigo 20 do regulamento xeral de circulación, o que implicaría o concurso das diferentes forzas parlamentarias para que se aprobe e o Estado español se aliñe a outros países como Suecia. En xuño xa se expuxo a medida da rebaixa, pero para condutores noveis e profesionais.

Unha rebaixa xeral

Agora, Grande-Marlaska avoga por estender esta redución a todas as persoas condutoras. O ministro sinalou que Interior aposta por este cambio atendendo á petición das asociacións afectadas pola "violencia viaria", que deixou 241 falecidas este pasado verán.

"En máis da metade dos sinistros aparece alcol ou drogas como determinante", subliñou para xustificar a medida. Por este motivo, mostrouse partidario de "abordar o debate" que inclúe tanto a redución das taxas de alcol como os cursos voluntarios para recuperar puntos do carné.

Grande-Marlaska fixo un balance da redución paulatina das mortes na estrada desde que se implantou o carné por puntos, cun nivel actual de 36 falecidos por millón de habitantes fronte á media da Unión Europea fixada en 47 mortos. O reto agora, dixo, é equiparnos a países como Suecia, Dinamarca e Alemaña.