Xustiza

11 anos de prisión para un home por tentar asasinar a súa parella e deixala tendida na rúa en Carballo

O agora condenado, entrando aos xulgados de Carballo o 1 de xuño de 2022. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
O acusado parou o vehículo na estrada e, "actuando con total indiferenza cara á integridade da vítima", calquera que fose o resultado, "golpeouna fortemente varias veces na cara". Ademais, saíu do vehículo e propinoulle varias patadas na cabeza.

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña vén de condenar a once anos e tres meses de cárcere un home por tentar asasinar a súa parella e deixala tendida nunha rúa en Carballo. Ambos os dous tiñan dous fillos en común e mantiñan unha relación estábel desde había uns vinte anos.

Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) esta quinta feira, o tribunal considera probado que o 29 de maio de 2022, cando regresaban en coche ao seu domicilio, despois de estaren acompañados de familiares e amigos en diversos estabelecementos de Carballo, comezaron unha discusión.

Tras iso, nas inmediacións do domicilio que ambos compartían, o acusado parou o vehículo na estrada e, "actuando con total indiferenza cara á integridade da vítima", calquera que fose o resultado, "golpeouna fortemente varias veces na cara", recolle a sentenza. Ademais, saíu do vehículo e propinoulle varias patadas na cabeza.

O tribunal, que tivo en conta as agravantes de parentesco e de xénero, e a atenuante de embriaguez, tamén lle impuxo a privación da patria potestade sobre os seus dous fillos menores de idade, así como a prohibición de comunicarse e de aproximarse á vítima e aos seus dous fillos menores de idade durante 15 anos. En concepto de responsabilidade civil, deberá indemnizar a afectada con 90.000 euros.

Testemuño de acusado e de vítima

No xuízo, o home declarouse "inocente" dos feitos que se lle imputan, aínda que recoñeceu agredir a muller. "Claro que lle peguei", dixo no xuízo celebrado na Audiencia provincial coruñesa.

Pola súa banda, a agredida argumentou que non lembraba o que sucedera e que só tiña constancia de estar nun local e despois aparecer no hospital.

Para o procesado, Fiscalía solicitaba 13 anos de cárcere, a acusación particular 17 anos e a defensa, mentres, un ano por lesións agravadas.