11.000 fogares galegos deixaron de percibir o ingreso mínimo vital en tres anos

(Foto: Europa press)
A contía media por familia non chega aos 500 euros 

Un total de 29.326 persoas e 11.296 fogares que nalgún momento cobraron o Ingreso Mínimo Vital (IMV) na Galiza xa non o cobran, o que supón 29% do total de beneficiarios acumulados desde a posta en marcha desta nova prestación, en xuño de 2020. 

Fontes do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións cualificaron esta quinta feira de positivas estas baixas porque entenden que o titular da axuda atopou traballo. Porén, esta mesma semana o Instituto Nacional de Estatística publicaba a Enquisa de Condicións de Vida, que constataba que o risco de pobreza e exclusión se dispara na Galiza até o 25,5%, o que representa unha de cada catro galegas e galegos. Unha repunta de case dous puntos porcentuais en comparanza co exercicio precedente (23,6%).

No mes de febreiro foron un total de 25.746 fogares os que cobraron o IMV na Galiza, que beneficiou 68.839 persoas. 

Esta é a primeira vez que o Executivo de Pedro Sánchez facilita o dato mensual desta prestación, xa que, até o momento, unicamente se facilitaba o dato acumulado ao longo do tempo desde a súa posta en marcha, unha cifra que na Galiza supón 98.168 persoas beneficiarias e 37.042 fogares. En canto aos beneficiarios actuais, hai concedidas 25.746 prestacións: 18.212 son a mulleres e 7.534 a homes. 

Contía media

A idade media das persoas beneficiarias é de 45 anos. Segundo os datos do Goberno estatal, a contía media mensual por fogar é de 494,42 euros, mentres que por persoa sitúase nos 184,91 euros. Un total de 16.052 fogares teñen o complemento de axuda á infancia, cunha contía media de 110,33 euros. 

Este complemento beneficia na Galiza un total de 26.468 menores, dos que 2.561 teñen entre cero e dous anos de idade e 4.431 entre tres e cinco anos. 

Dos 25.746 fogares beneficiarios, 10.527 son familias con dous proxenitores e fillos, 9.773 son adultos sen menores ao seu cargo e 5.446 son familias monoparentais con fillos.