12.000 sinaturas de docentes pola restitución de dereitos do profesorado: "O persoal docente está chegando ao límite da súa paciencia”

As firmas e un escrito solicitando una entrevista co conselleiro de Educación foron entregadas na sede central da Xunta pola CIG-Ensino.

Case 12.000 sinaturas de docentes, recollidas pola CIG-Ensino nunha campaña que visitou 1.200 centros de ensino, foron entregadas na mañá desta cuarta feira na sede central da Xunta dirixidas ao conselleiro de Cultura e Educación. Firmas en apoio  ás dez medidas urxentes que desde a central nacionalista afirman que servirían para mellorar a situación laboral do profesorado e a calidade do ensino público. O conselleiro “non pode seguir facendo oídos xordos despois do clamor expresado polo colectivo docente”, manifestou o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello.

 

Un total de 11.915 sinaturas, que son 2.803 máis que asrecabadas nunha campaña semellante desenvolvida hai dous anos, “o que demostra que o persoal docente está chegando ao límite da súa paciencia”. “O profesorado galego está farto dos recortes dos últimos anos, de ver como mingua o seu soldo e o seu poder adquisitivo ano tras ano, de que non para de aumentar a súa carga lectiva e burocrática, de que se lle penalice por enfermar con descontos salariais durante as baixas, de estar nunha situación de provisionalidade e de inestabilidade permanente que non lle permite emprender o seu proxecto vital e de moitas outras condicións que fan que se poida resentir a calidade do ensino público”.

 

Precisamente entre as medidas que se citan como máis urxentes nesta campaña está a volta á xornada laboral das 18 horas lectivas en Secundaria e FP e das 21 en Primaria e Infantil; a redución das rateos de alumnado por aula en todas as etapas educativas; unha regulación seria das materias afíns para evitar que o persoal docente se vexa obrigado a impartir materias das que non é especialista; a limitación a 2 anos do tempo que se está en expectativa de destino tras obter praza nun procedemento selectivo, entre outras.