125 incendios devastan o país, deixan 4 vítimas mortais e ispen as carencias da Xunta

Unha densa columna de fume sobre Baiona

A vaga de lumes -125 activos en todo o país, segundo os dados de Meio Rural- desencadeou este domingo toda a súa furia sobre a Galiza, que ficou virtualmente inerme ante o avanzo das lapas. Até en 19 concellos da Galiza se declarou alerta nível 2, o que significa que neses lugares houbo riscos para a vida humana. O saldo final está por se realizar, mais a traxedia consumouse ao se producir a morte de catro persoa, dúas mulleres de avanzada idade falecidas após ficaren atrapadas nunha furgoneta en Nigrán e dous septuaxenarios ao tentaren apagar as chamas, un en Carballeda de Avia e outro en Vigo. As condicións atmosféricas -temperaturas altísimas, ventos moi fortes, encoraxados durante a madrugada polo furacán Ophelia- favoreceron a catástrofe, mais os incendios espiron tamén as carencias da Xunta.

Nunha entrevista na Radio Galega, Feijóo afirmou que nunca se dispuxera de tantos meios anti-incendios no mes de outubro. Porén, non pareceron suficientes, entre outras cousas porque este mes de outubro é, por efeitos da seca, a prolongación do verán. A oposición -e moi nomeadamente o BNG- alertou días atrás sobre o desmantelamento do dispositivo anti-incendios. O certo é que a sensación que transmitiu a Xunta -a comezar por un Feijóo que, iso si, multiplicou a súa presenza nos meios de titularidade públcia- foi a de ter sido ultrapasada polos acontecimentos.

 

As lapas chegaron ao casco urbano de Vigo, a deixaren imaxes inéditas no país. A maior cidade da Galiza cercada polo lume. Veciñas e veciños a sufocaren o fogo con caldeiros nas rúas. Outra volta a auto-organización popular para defender o territorio, a evocaren a épica do Nunca Máis e o combate contra o chapapote.

 

Sofreu todo o territorio, mais especialmente o sul do país. E ficaron gravemente atinxidos espazos de enorme valor ambiental como o Parque Natural do Xurés ou os Ancares. Bastante máis de 4 mil hectáreas arderon nas últimas horas no país, o que representa máis do 25 por cento das previsións de terras calcinadas contempladas polo Pladiga para todo o exercicio.

 

Son incendios provocados e o asunto é dilucidar quen os provoca e por que. Nas súas intervencións mediáticas, Feijóo non deu ningunha chave sobre as motivacións destes crimes. Limitouse a dicer, en ton moralista, que "estamos rodeados de xente que quer queimar, que quer facer dano". A bon seguro que o presidente da Xunta terá de ser máis preciso esta semana no Parlamento, cando sexa interpelado pola oposición.

 

O balanzo aínda está por facer, mais a devastación está aí e tamén está aí unha sensación moi estendida de que a política forestal da Xunta da Galiza debe ser submetida a un radical (de raíz) proceso de debate para a súa mudanza

 

Nota: esta noticia foi actualizada para dar conta da morte dunha cuarta persoa a consecuencia dos lumes.