32.697 galegas e galegos emigraron do país ao longo de 2022

13.414 galegas e galegos marcharon do páis en 2022.
Madrid continúa a ser o lugar do Estado español que máis galegas e galegos recibe con 4.708 persoas, seguido de Catalunya (2.441), Andalucía (2.018), Canarias (1.806) e Castela e León (1.802).

13.414 persoas galegas emigraron do país cara a outros Estados ao longo de 2022. E, a maiores, até 19.283 marcharon a outras comunidades autónomas, o que deixa un total de 32.697 galegos e galegas que abandonaron Galiza o pasado ano. Así se desprende dos datos publicados esta cuarta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Así, Madrid continúa a ser o lugar do Estado español que máis galegas e galegos recibe con 4.708 persoas, seguido de Catalunya (2.441), Andalucía (2.018), Canarias (1.806) e Castela e León (1.802).

Pola súa parte, Portugal é o Estado ao que emigraron máis persoas desde Galiza en 2022, con 516 persoas. Estados Unidos (406), Reino Unido (373), Venezuela (359), Suíza (355) e Brasil (341) seguen Portugal como destinos que acolleron máis poboación galega en 2022.

Se ben o soldo migratorio galego total é positivo (27.251 persoas máis entraron das que saíron da Galiza) segue a haber un número notábel de persoas galegas que se ven forzadas á emigración que se contan por millares.

Emigración na ‘era Feixoo’

De facto, Galiza superaría os tres millóns de persoas de non ser pola emigración da 'era Feixoo'. En total, víronse na obriga de emigrar máis de 370.000 persoas entre 2009 e 2021. As cifras recollidas no histórico do INE rexistraron, nese período, 246.470 emigrantes galegas e galegos ao Estado español e 128.057 a outras partes mundo.

Unha mostra do alcance do fenómeno é que o continxente humano que marchou da Galiza neste período supera os residentes de cada unha das sete cidades galegas, a poboación total da provincia de Lugo, con 323.989 habitantes en 2022, ou de Ourense, con 304.280 nesa anualidade.