CENTROS DE INTERNAMENTO DE ESTRANXEIROS

Derrubando fronteiras contra os CIES

CIE (Foto: Google)

O Foro Galego da Inmigración presenta un manifesto para esixir o encerramento dos Centros de Internamento de Estranxeiros, no marco dunha xornada estatal. Prepara actos en todo o país ao longo desta semana.

 

Un día polo encerramento dos Centros de Internamento de Estranxeiros (CIES) no Estado español. O Foro Galego da Inmigración presenta ás 11.30 horas o manifesto ‘Derrubando Fronteiras’, diante da Comisaría da Policía Nacional de Santiago de Compostela, no marco dunha xornada estatal contra os CIES. Ao longo desta semana, prepara actos de protesta en todo o país.

Pretende chamar a atención sobre as diferentes fronteiras que sofren ás persoas migrantes en Galiza e no conxunto do Estado: ás físicas das vallas, CIES ou deportacións; e tamén as menos visíbeis, dos recortes e limitacións de dereitos que sofre este colectivo en Galicia (prestacións e axudas sociais, atención sanitaria, persecución policial, ou explotación laboral)”, apunta nun comunicado a organización.

En 2014, só 1.593 persoas conseguiron asilo político no Estado español, un 1% do total en Europa.

Alerta ademais sobre as agresións contra persoas migrantes, especialmente ás que se atopan en situación de irregularidade administrativa. No acto presentarán “exemplos concretos destas vulneracións graves de dereitos fundamentais que acontecen no noso país”.

Esta pasada semana, o Grupo Parlamentar do PP tombou de novo unha moción que instaba ao fechamento dos CIES, presentada pola Esquerda Plural, onde tamén se pedía a derrogación do ‘rexeitamento en fronteira’, unha figura incluída polo PP para lexitimar as coñecidas como ‘devolucións en quente’ nas vallas de Ceuta e Melilla. 

2.572 migrantes repatriados en 2014

Os datos amosan a gravidade da situación. Só no pasado ano, as autoridades españolas detiveron 42.245 persoas estranxeiras. Delas, 7.340 foron internadas en CIES, das que a metade foron expulsadas. Unha cuarta parte, un total de 2.572, foron repatriadas, a maioría a través de Marrocos, segundo dados da Defensora do Pobo, Soledad Becerril, procedentes do Ministerio do Interior. 

7.340 migrantes foron internadas en CIES o pasado ano.

Becerril advertiu ademais de que os centros de primeira asistencia e detención de estranxeiros –onde son internadas as persoas que chegan ás costas españolas- “non contan cos medios máis acaídos para persoas que veñen dunha travesía que se alarga durante días en condicións moi duras”.

Tamén suspende o Estado español nas solicitudes de asilo. En 2014, só 1.593 persoas conseguiron asilo político, un 26% do total de solicitudes, a maioría de persoas procedentes dos conflitos en Siria, Ucraína e Mali. A cifra representa un 1% do número de persoas que conseguiron asilo en países europeos o pasado ano.

“Existen enormes dificultades para acceder ao procedemento de protección internacional nos CIE, nos postos fronteirizos e nas costas”, denunciou a Comisión Española de Axuda o Refuxiado.