16 de febreiro, nova greve no ensino galego

Foto: Natalia Porca

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público anunciou mobilizacións en diversas localidades en apoio ao protesto convocado por Erguer. Estudantes de Galiza. 

“Continuaremos mobilizándonos mentres non se derroguen definitivamente aLOMCE e as reválidas”. Afirmouno Anxo Louzao, portavoz da Plataforma Galega en defensa do ensino público (PGDEP), esta segunda feira ao anunciar o apoio á greve estudantil convocada para o 16 de febreiro por Erguer. A Plataforma valorou positivamente as mobilizacións e accións que se desenvolveron neste trimestre, como a entrega de máis de 13.000 sinaturas contra a Lomce e as reválidas.

O “recuamento” do Ministerio de Educación, que aprazou a aplicación das reválidas de 6º de Primaria, 4º da ESO e 2º de Bacharelato, tamén foi destacdo por Louzao, se ben matizou que “a supresión das reválidas non é definitiva, está condicionada ao futuro Pacto de Educación, e a Lomce aínda non foi derrogada”. Ora ben, aclarou, o Pacto para a Educación “nace trucado” na medida en que “non se contempla unha concepción plurinacional do Estado español, nin se teñen en conta as demandas e consideracións das organizacións sociais, nin as educativas; só atinxe ás organizacións políticas”.

Anxo Louzao tamén volveu denunciar a “discriminación” que sofre o galego como consecuencia da implantación da Lomce, que vén se sumar á “escasa presenza” que xa tiña na ESO. “Esta situación constata que o Decreto de plurilingüismo naceu para expulsar o galego como lingua vehicular no ensino”.