16 de marzo: concentracións contra o incumprimento orzamentario en violencia de xénero

O feminismo chama a saír á rúa para exixir que os Orzamentos de Estado para 2018  cumpran co aumento de 200 millóns de euros anuais acordado no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Haberá concentracións nunha ducia de cidades e vilas galegas.

Perto de 300 organizacións feministas apoian o 16 de maio accións en Galiza e no resto do Estado para denunciar o incumprimento do compromiso de aumentar as partidas para violencia de xénero. Baixo a lema “Compromiso = Orzamento. A loita continúa, Vémonos nas rúas. Nin unha menos!” convocan una decena de concentracións e ciudades e vilas de Galiza para exixir que os Orzamentos de Estado para 2018 que debate o Congreso, cumpran o aumento de 200 millóns de euros anuais acordado no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Un diñeiro, indican as convocantes, necesario para avanzar aplicando as 214 medidas aprobadas após un ano de debates, “e que sen orzamento fican en papel mollado”.

 

As organizacións convocantes protestan polo incumprimento no Proxecto orzamentario do Goberno, “fronte aos asasinatos de máis de 900 mulleres no últimos quince anos, que deixaron 169 orfos menores de idade, e preguntámonos á conta de cantas vidas de mulleres, nenas e nenos se ten feito propaganda e publicado falsas promesas de mellora o Presidente e a Ministra “de igualdade” Dolors Montserrat?”

 

Non é que non haxa cartos, denuncian desde o feminismo, “é que as prioridades do goberno son outras”, como aumentar o orzamento de Defensa en 819 millóns (10,7% máis que en 2017) ou seguir financiando rescates de bancos e autoestradas, non a dignidade das vidas do 51% da poboación.

 

Lugar e hora

Ames. Praza da Mahía. 19:30 horas.

Compostela. Praza 8 de Marzo. 20:00 horas

Vigo. Cruce Vía Norte. 20:00 horas

Pontevedra. Praza Peregrina. 20:00 horas

Vilagarcía. Praza da Constitución. 20:00 horas

Coruña. Obelisco. 20:00 horas.

Cangas. Concello. 20:30 horas

Noia. Concello. 21:00 horas.

Lalín. 20:30 na Igrexa

Ribeira. 20:00 Concello.

Sarria 20:30 Praza do Concello

Viveiro 20:00h Praza da Fontenova