16 presos políticos ferroláns trasladan a Margarita Robles a súa preocupación polas manifestacións "franquistas" de altos mandos militares

Piden á ministra de Defensa a retirada de símbolos franquistas das instalacións militares da Galiza

 

Dezaseis presos e presas políticas de Ferrol baixo a ditadura franquista remitiron unha carta á ministra de Defensa, Margarita Robles, na que mostran a súa preocupación polas últiomas manifestacións de altos mandos miliares e instan o Ministerio a que retire os símbolos franquistas que aínda perviven en instalacións da armada ferrolá.

Na carta indican que "o propio ministerio de Defensa promociona ou permite a apoloxía, exaltación ou enaltecemento do franquismo. En Galiza permanecen hoxe 23 símbolos franquistas en instalacións que dependen de Defensa e 13 están en Ferrol".

Esta carta ten, indican, total actualidade despois dos pronunciamentos ou manifestos de militares franquistas. "É moi preocupante, Sra. Ministra, a exaltación do ditador Franco en manifestos públicos de militares, cando algúns fixeron a súa carreira na democracia".

As persoas asinantes sinalan que "xa é hora de que o Ministerio de Defensa acabe coa simboloxía franquista e a exaltación de golpistas e criminais. Se Defensa non actúa e mantén esta situación vergoñenta, non quedará outra saída que presentar unha denuncia no xulgado correspondente por incumprimento da Lei de Memoria Histórica de 2007".

Asinantes:

Fernando Miramontes Vázquez, Rafael Pillado Lista, Francisco Rodríguez Sánchez, Sari Alabau Albors, Vicente Couce Ferreira, Raúl Pillado Lista, Alfonso Tellado Sande, Antón Martínez Aneiros, Xosé Piñeiro Arnoso, Anxo Ferreiro Currás, Ignacio Fernández Toxo, Fina Varela Fontán, José María Freire Piñeiro, José Loureiro Fernández, Manuel Monge González e Ricardo Aneiros Sixto.