18-F: Anpas piden que a educación sexa prioridade e urxen unha nova lei, mellorar transporte e comedores

Unha das demandas é a xestión directa dos comedores.

Tamén reclaman modificar o mapa escolar, deseñar un plan específico para o rural e mellorar a formación dixital

A Confederación de Anpas Galegas fixo público un documento, con motivo das eleccións do 18 de febreiro, no que pide que a educación pública sexa unha "prioridade" para os partidos políticos, e na que urxen medidas como unha nova lei educativa galega, melloras no transporte, xestión directa dos comedores e outros cambios.

Así, Anpas Galegas subliñou a necesidade de que se elabore unha nova regulación completa do ensino público, porque a actual está dispersa en varias normativas menores, o que dificulta a súa comprensión e aplicación.

Tamén reclaman que se traballe por unha "integración real" das familias na comunidade educativa; que se mellore a formación dixital, porque o actual sistema Edixgal "ten moitas carencias" e limítase a replicar, en computador, o modelo de ensino con libro de texto; que se elabore un plan integral de "galeguización lingüística", para que os centros educativos axuden a promover o uso do galego e salvagardalo; ou que se deseñe un plan integral para a educación no rural, atendendo tamén a outros ámbitos sociais.

Xestión directa dos comedores

Por outra parte, apostaron porque a Xunta asuma a xestión directa de todos os comedores escolares, que deben ser considerados como "un servizo educativo complementario e universal", e con recursos suficientes para que presten unha atención de calidade.

Con respecto ao transporte escolar, reclamaron "unha abordaxe conxunta", porque o actual modelo está "cheo de carencias", e para poder asegurar "un traxecto máximo de 30 minutos de ida ou volta para calquera escolar galego".

A modificación do mapa escolar tamén é unha demanda "urxente", e propuxeron a creación de redes de unitarias para alumnos de infantil e primeiro ciclo, que sexan próximas aos domicilios, e poder salvagardar "a equidade na elección" de centros; así como a creación dunha rede de atención á diversidade que chegue a todos os centros.

Revisar os protocolo

No seu documento, a Confederación pide unha "urxente" revisión dos protocolos, para reforzar e axilizar a comunicación coas familias, formar aos profesores e eliminar trabas burocráticas; e un novo plan de atención ao alumnado con necesidades específicas, porque o sistema actual é "moi deficitario".

Así mesmo, pediron que se reforme o actual bacharelato, para que teña contido educativo real e non sexa un mero trámite para chegar ás probas de acceso á Universidade.