21,5 millóns menos para a Dependencia na Galiza

 
É a cifra á que ascende o recorte total na cobertura das necesidades destas persoas, 4,5millóns no nivel mínimo e 17 na partida total, para alén de que as pagas das coidadoras familiares se rebaixan un 15%, e as traballadoras perderán a Seguridade Social

"Non temos nada de que nos avergoñar. Podemos saír de aquí coa cabeza ben alta". Díxoo o presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, o mesmo día en que o BOE --Boletín Oficial do Estado-- quitaba á luz a letra pequena dos recortes anunciados no Congreso e na rolda de prensa após o Consello de Ministros da sexta feira. Rajoy cargou contra "a herdanza" do Executivo anterior, do PSOE, e gabouse ao sinalar que el traballa "en beneficio dos que aplauden, dos que calan e incluso dos que protestan, sen atender a consideracións partidistas".

Ese traballo "en beneficio" da cidadanía tradúcese, na práctica, nunha machetada aos dereitos sociais amparada nunha motivación ideolóxica. Así, após revisármos polo miúdo o disposto no BOE, a folla de ruta trazada desde Madrid para a Lei de Dependencia reduce as prestacións á nada: @ dependente pagará o 90% da súa atención, ao tomar en conta para os cálculos non só a renda, senón tamén o 5% do valor catastral da vivenda.

Ademáis, o orzamento destinado ao nivel mínimo redúcese nun 13% respecto deste ano, polo que, tal e como adiantamos na fin de semana, os territorios recibirán 200millóns de euros menos --menos orzamento para uns gobernos que non poderán endebedárense--, que na Galiza se traducirán nun recorte de 4,5millóns. Hai máis. A partida total prevista para o noso país nesta materia estaba fixada para 2012 en 360millóns, dos que o Executivo español pagaría 97 e o galego poría o resto. Porén, os Orzamentos Xerais do Estado o que recollen son 283millóns, polo que o estado aportará 17millóns menos.

En total, a baixada no financiamento será de 21,5millóns nun territorio onde viven máis de 100.000 persoas en situación de dependencia. A lista de espera supera as 40.000 persoas, isto é, as que non cobran a axuda. Delas, a metade teñen diagnosticada unha dependencia severa --grao III-- ou moderada --grao II--. Máis cifras: as pagas das coidadoras familiares rebáixase un 15%, e as traballadoras perderán a Seguridade Social porque o Goberno deixará de lles pagar a cotización a partir do 31 de agosto. Desde o 1 de setembro terá unha bonificación do 10%, e xa para o 2013 terá que afrontar a totalidade da cuota se quere seguir cotizando. Son 15.000 afectadas no noso país, a meirande parte mulleres, e hai outras 7.500 persoas que exercen oficialmente como coidadoras, sendo familiares; o 95% son mulleres.

Reaccións de BNG e PSOE
A pesar dos números, a cobertura das necesidades das persoas dependentes non preocupa en San Caetano. A titular de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, declarou para unha axencia de noticias que a prestación non periga para quen está xa dentro do sistema, e para @s nov@s unicamente recoñece que o ritmo de atención se verá ralentizado.

Diante do panorama, BNG e PSOE fixáronse nesta póla dos recortes, unha das máis preocupantes das que afectan aos dereitos sociais. Así, a deputada nacionalista no Congreso, Olaia Fernández Dávila, solicitou a comparecencia urxente da ministra de Sanidade e Asuntos Sociais, Ana Mato, para que informe "da práctica suspensión" do desenvolvemento da Lei, para alén do "total desamparo e desprotección" en que van quedar as persoas coidadoras e as propias dependentes.

"Milleiros de galegos morrerán agardando" por unha prestación, remarcou a voceira do PSOE en materia de Sanidade na Cámara baixa, Laura Seara. Sinalou como efectos inmediatos da reforma que "a algunhas persoas se lles rebaixará o grao xa recoñecido e outras serán directamente expulsadas do sistema", indicou a parlamentar do PSOE. Pola súa banda, Dávila enfatizou que as medidas do PP "incentivan a privatización dos servizos".

Insistiu a deputada nacionalista en que a decisión de dar de baixa na Seguridade Social ás 'coidadoras informais', e alertou de que "toda esta merma" redundará na eliminación de servizos públicos ás persoas dependentes, menos prazas nos centros de día e un "empeoramento" da situación destas persoas. Concluíu Dávila que a situación supón "a morte do terceiro cimento do estado do benestar".