21X: rodear un Parlamento ‘’que non está a representar o pobo’’

Foto: Anova

As Marchas da Dignidade convidan a unha cadea humana este sábado para evidenciar o ‘’secuestro polas mafias financeiras’’ das cámaras lexislativas. AGE e BNG apoian a convocatoria. 

A columna galega das Marchas da Dignidade convocou á cidadadanía a asistir este sábado a Compostela para tomar parte no acto ‘Rodea o Parlamento’, unha acción coa que queren visualizar que a cámara “non está a representar ao pobo” e que está ao servizo de “mafias financeiras”.

A protesta partirá ás 12:00 da estación de trens, moi próxima ao Parlamento, e rodeará a Cámara cunha cadea humana, “collidos da man até completar o perímetro”. Un dos voceiros das Marchas, Manolo Caamaño, afirmou nesta cuarta feira que esta iniciativa responde “o clamor popular” que denuncia que estas institucións non están a servir o pobo. Apóstase por tronzar cun ‘’réxime’’ que non garante os mínimos democráticos. “Aquí imos estar os traballadores e traballadoras das clases populares de Galiza e imos continuar na rúa porque non nos queda outra”.

"Pobreza e miseria"

No manifesto denuncian que os parlamentos foron “secuestrados polas mafias financeiras” coa colaboración dos grandes partidos. Cámaras e gobernos que avalaron recortes e medidas que conducen á xente “á pobreza e miseria”. "Entendemos que hai unha clave frentepopulista e unha clave de unidade de clase e popular, que nos obriga a todos os que pensamos que este sistema é inxusto", engadiu Caamaño.

O acto conta co apoio de AGE e do BNG. Alternativa Galega de Esquerdas manifestou desde o primeiro momento o respaldo para con esta cadea humana.O BNG destaca que comparte a demanda de que o Parlamento ten que ser a institución que recolla a voz da cidadanía que está a ser acosada polas políticas de recorte do PP.