Unha ONG cifra en 250.000 os animais mortos polos incendios destes días
A ONG Fundación Franz Weber vén de cifrar en 250.000 os animais mortos nas máis de 22.000 hectáreas arrasadas polos incendios que estes días están a afectar diferentes puntos do país.
A entidade fai esta estimación con base nos modelos preditivos da Universidade de Sidney (Australia), que calculan que en cada hectárea conviven entre dez e quince individuos de especies de mamíferos, invertebrados, aves e outros pequenos seres vivos.
"A isto cumpriría sumar aqueles que non puideron ser liberados de explotacións gandeiras e máis os animais de familia, como cans, gatos ou pequenos roedores", asegura a ONG nun comunicado.
Neste senso, advirte de que, "de non afrontar a crise climática coa gravidade que se lle supón, a humanidade vai directa ao desastre, tal e como están a lembrar os termómetros record e os lumes durante estas semanas na Galiza".
Aliás, a Fundación Franz Weber defende a prohibición da caza en espazos queimados e a intervención con accións de renaturalización.
Brigadas deseucaliptizadoras
Por outra parte, o colectivo ecoloxista Verdegaia vén de informar de que as brigadas 'deseucaliptizadoras' estarán este sábado, 23 de xullo, en Froxán (Lousame).
Nun momento no que a vaga de lumes está a arrasar o monte galego, apunta que se traballará na limpeza de montes e eliminación de especies exóticas para contribuír a loitar contra o cambio climático.