EDUCACIÓN

A CIG xunta 26.000 sinaturas para a ILP a prol da continuidade de Preescolar na Casa

O programa educativo arrincou en 1977 e sobreviviu a todas as maiorías da dereita na Galiza. Hoxe penden dun fío os postos de traballo das súas 3 mestres e 29 mestras ''por razóns ideolóxicas'' e polo desvío de fondos a organizacións ''máis próximas ao PP''. PnaC non traballa só coas nenas e nenos, senón tamén cos e coas proxenitoras, que deben implicarse nas aulas, afondando así no empoderamento delas e na equidade de xénero

Case 26.000 persoas rexeitaron cunha sinatura o seu rexeitamento á desaparición do programa educativo Preescolar na Casa. Nos últimos dous meses, a CIG andou á procura dos apoios que cumprían para presentar perante o Parlamento galego unha ILP --Iniciativa Lexislativa Popular-- de proposición de Lei 'Para confluencia do programa preescolar na casa e o ensino público galego', para a que era preciso xuntar 15.000 sinaturas.

Segundo explicou o secretario nacional do sector do Ensino na central nacionalista, Anxo Louzao, "agardamos que sexa debatida neste periodo de sesións, antes do 31 de xuño". E é que o que está en xogo é a continuidade dun programa "innovador e inserido na realidade cultural e social do país", que a día de hoxe agoníza "por cuestións políticas e ideolóxicas" do Partido Popular.

Garabatos que sobreviviron ás maiorías de Fraga
Cómpre lembrar que Preescolar na Casa foi creado en 1977 polo finado Antonio Gandoy Díaz, coñecido en Lugo como o cura da bicicleta, para axudar ás nais e pais a educar ás crianzas durante o período previo á escola --até os 6 anos--, naquelas zonas onde non había centros de educación infantil. Mais é algo máis que un programa educativo, xa que para beneficiarse del --é de balde para todas as familias-- é condición necesaria que os e as proxenitoras se impliquen directamente na formación.

"Facemos traballo social, cunha contribución importante ao empoderamento das mulleres no rural", apuntou Inés Novo, mestra de PnaC e delegada no Comité de Empresa, confesando que o clima de confianza que se crea entre as nais que acoden ás aulas "favorece o intercambio de experiencias entre elas, aprenden unhas das outras e axúdanse".

Pois ben, este programa educativo está en perigo polo afán do Partido Popular "de perseguir todo aquilo que nos identifica", sinalou Louzao. Preescolar na Casa sobreviviu a todas as maiorías absolutas da dereita na Galiza até o día de hoxe, cando lle foron retiradas "todas" as subvencións, houbo despedimentos e un ERE --Expediente de Regulación de Emprego-- sobrevoa sobre o persoal docente, 29 mestras e 3 mestres. Xa no 2008 houbo unha campaña de recollida de sinaturas --xuntáronse máis de 22.000-- en que nais, pais e persoas vinculadas co programa manifestaron a súa preocupación pola continuidade deste servizo ás familias.

Durante os anos do Goberno bipartito, Vicepresidencia apoiou a PnaC, mais a consellería de Educación --dirixida por Laura Sánchez Piñón (PSOE)-- reduciu de 22 a 17 o número de mestras e mestres que achegaba ao colectivo no 2007, e ao ano seguinte suprimiu outras catro prazas. Sobre a situación actual dos e das traballadoras falou Xosé Ferreiro, responsábel comarcal da CIG en Lugo, e dixo que a maior parte acumulaban entre 15 e 25 anos entregados a este programa educativo, polo que as súas idades rondan os 50 anos. "A incertidume é moita xa que só temos financiamento para chegar a xullo, mais non imos ceder", anunciou Ferreiro, informando de que as axudas que chegaron dalgúns concellos e da Deputación de Lugo "non chegan para preparar o curso do ano que vén".

Unha labazada ao ensino no rural
Perante esta situación, cómpre dicir que deste programa se benefician ao redor de 4.100 familias en toda Galiza, especialmente no rural, e conta cun recoñecemento internacional tal que inspirou proxectos similares en Francia, Portugal, Catalunya e en varios países de América Latina. No país, tal e como contou Ferreiro, o que lle queda á Fundación é presentar un concurso de acredores --prevendo que terá problemas de pago de aquí a dous meses-- ou presentar un Ere de non-extinción.

"Sexa como for, a nosa intención é manter vivo o programa até as vindeiras autonómicas", alertou, e completou a apreciación de Louzao sinalando que, alén dun motivo ideolóxico, a Xunta quere ver desaparecer Preescolar na Casa "porque é un programa que nunca puido controlar nin usar como arma electoral, pese a ser un bocado moi apetitoso".

Ao argumento da crise para practicar recortes contestou Inés Novo. "Non é que non haxa cartos, é que os cartos se desvían a organizacións afíns ao PP", dixo. E engadiu a súa opinión sobre os porqués para mantelo: é o único programa educativo que se fai en galego e é "un prestixio para a nosa lingua e a nosa cultura". Da consellería de Traballo chegaba o 60% do financiamento que sostiña esta iniciativa de educación familiar pioneira que foi parida na Galiza hai 35 anos.