Medio Ambiente

30 organizacións naturalistas piden triplicar en seis anos a superficie actual da Rede Natura na Galiza

Espazo da Rede Natura 2000 en Negueira de Muñiz. (Foto: Terras de Lugo)
No Día Europeo da Rede Natura 2000, hoxe, 21 de maio, 30 organizacións ecoloxistas e naturalistas presentaron un manifesto para exixir a ampliación na Galiza desa rede de protección do territorio. Unha reclamación que parte dunha realidade que se mantén aínda que pasen os anos: A Galiza é o territorio do Estado con menos espazo terrestre protexido.

A Rede Natura 2000 (RN) naceu en 1992, hai 32 anos, e ao longo destas tres décadas converteuse en Europa unha malla coherente de espazos naturais protexidos para garantir un estado de conservación favorábel á fauna, flora e aos seus hábitats. Esta terza feira conmemórase o Día Europeo da Rede Natura e 30 organizacións ecoloxistas reclamaron a ampliación na Galiza desta figura. "Pedimos que se amplíe con carácter urxente no territorio terrestre galego, de modo que, polo menos, o espazo protexido se triplica antes do ano 2030. Isto suporía que superaría o ridículo 12% do territorio terrestre protexido na actualidade na Galiza até 36% dentro de seis anos".

A demanda que plasman estes colectivos no seu manifesto—aberto a adhesións até o vindeiro 4 de xuño, véspera do Día Mundial do Medio Ambiente— faise precisamente para o territorio con menor porcentaxe de espazos protexidos. A Galiza é a zona do Estado español con menos territorio incorporado á Rede Natura. Actualmente só conta con 320.000 hectáreas, que representan 11,9% da súa  superficie, sometidas a este tipo de protección. 

15 puntos de diferenza

A diferenza coa media do Estado (27,3%) é evidente: 15,4 puntos. A seguinte comunidade, tras a Galiza, con menos porcentaxe de territorio protexida é Euskadi e ten 20,9%, 10 puntos por riba. Illas Canarias con 46,4%, Madrid con 39,8% e o País Valencià con 37,4% son as que teñen máis espazos integrados na Rede Natura 2000.

A Comisión Europea leva anos reclamando o Executivo galego que aumente o ámbito da Rede Natura. Así, á volta de 2008, o Goberno do PSdeG e do BNG na Xunta presentou unha proposta de ampliación de espazos protexidos, derrogada polo Goberno de Alberto Núñez Feixoo un ano máis tarde após gañar o PP as eleccións. En 2012 a persistencia de Bruxelas levou a Xunta a anunciar que ía incluír na RN máis de 100.000 hectáreas. Mais esa promesa ficou en auga de castañas e esas Ha nunca pasaron facer parte da Rede Natura.

Danos e riscos

O manifesto impulsado polos ecoloxistas esixe un aumento do número de efectivos destinados á xestión, vixilancia e execución dentro da Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos, "e que todos e cada un dos espazos protexidos sexan efectivamente vixiados todos os días do ano".

Os danos que sofre a RN teñen sido plasmados en diferentes informes e estudos. Un exemplo é o Informe da comisión técnica temporal sobre enerxía eólica e paisaxes culturais na Galiza, encargado polo Consello da Cultura Galega en 2021, e no que se recollía que 54 parques eólicos e 1.254 megawatts aséntanse na Galiza en espazos que estaban na Rede Natura. "Que os parques eólicos e as súas infraestruturas ocupen ecosistemas protexidos pola Rede Natura 2000 é pouco común a nivel europeo. No caso galego é algo moi estendido", afirmábase no estudo.