300 persoas participan nunha andaina polos montes do Morrazo para denunciar o impacto dos eólicos na zona

Unha imaxe da marcha que decorreu en Moaña. (Foto: Plataforma)
Marcha convocada pola Plataforma Eólicos no Morrazo Non e o Concello de Moaña.

A andainda reivindicativa convocada pola Plataforma ‘Eólicos no Morrazo Non’ e o Concello de Moaña xuntou perto de 300 persoas que mostraron o seu rexeitamento á implantación do proxecto eólico de Arena Power.

 As persoas asistentes, entre as que se encontraban as alcaldesas de Moaña e Cangas, Leticia Santos e Araceli Gestido, realizaron o roteiro circular en que se visibilizou "o impacto da construción dun parque eólico debido aos solos graníticos dos montes da comarca", segundo indica a Plataforma nun comunicado. 

A saída tivo lugar nas inmediacións da mámoa da Chan da Arquiña, onde se despregou unha faixa co lema ‘Eólicos no Morrazo Non! Pola auga, a terra, a saúde, a vida!’.

O roteiro dirixiuse cara ao Corno Pineda e Pedras Negras. Neste lugar tomou a palabra Daniel Rosales, membro da coordenadora da Plataforma Eólicos no Morrazo Non, quen sinalou onde se van instalar os aeroxeradores de 180 metros planificados. Rosales fixo especial fincapé no solo granítico da comarca e salientou o impacto que terá sobre el o emprego da dinamita, “pois cada aeroxerador levará unha zapata de 25 metros de diámetro e 15 metros”. 

Rosales chamou a atención tamén sobre a afección as augas que terán esas voaduras. Salientou que “todas as augas que surten o Morrazo están aqui nos altos do monte” e sinalou a proximidade de casas a uns 300 metros dos aeroxeradores.   

O roteiro finalizou de volta na Chan da Arquiña, onde Moncho Millán, da Plataforma Eólicos no Morrazo Non, agradeceu a participación e expuxo as reivindicacións do colectivo. 

Millán reclamou a eliminación da zona ADE do Morrazo e calificou o actual modelo de implantación eólica na Galiza como "desordenado" porque está moi perto dos núcleos rurais habitados, non respecta hábitats de especial interese nin Rede Natura, nin especies protexidas,..

Tamén o cualificou de "depredador", porque a veciñanza sofre todos os danos: "perda de propiedade e do valor das que quedan. Danos en mananciais e traídas auga, camiños, pistas forestais, alteración de hábitats de interese comunitario, flora e fauna, patrimonio histórico..". 

Tamén dixo que era "especulativo" porque os parques eólicos instálanse sen consentimento da propiedade, pagando prezos insignificantes na expropiación apoiada pola  Xunta, "financiándose con fondos públicos, obtendo todos os beneficios e sen deixar beneficio publico algún". 

E "neocolonial", pois as empresas multinacionais, "coa colaboración da Xunta, toman o noso territorio, espolian os nosos recursos, expórtannos e obteñen  beneficios multimillorios".

O proxecto eólico de Arena Power consiste na instalación nos montes do Morrazo de 15 aeroxeradores de 180 metros de altura, 2 subestacións de evacuación eléctrica, 2 torres de medición e as correspondentes liñas de alta tensión. 

Ocuparíanse terreos de San Martiño e Domaio -en Moaña-, Santomé de Piñeiro -en Marín-, e San Adrián e Santa Cristina -en Vilaboa-.