Desde xuño fecharon na Galiza 380 parques de bombeiros

Protestas dos bombeiros ante a Deputación da Coruña (Foto:: M. Dylan / Europa Press).
"O pasado día 28 resultou ser un novo día negro para os servizos comarcais de bombeiros, xa que as irregularidades da prestación do servizo volveron a repetirse de xeito simultáneo nas catro provincias", afirma o persoal.

Un único parque comarcal de bombeiros operativo para dar s3rvizo a máis de 50 concellos; parques fechados por falla de persoal e outros por avarías de vehículos, un servizo público de extinción de incendios con "irregularidades".... O colectivo de Bombeiros Comarcais —apoiado polos sindicatos CIG, CCOO, USO, UGT, CSIF e 

Sibgal—denunciou esta segunda feira que a Galiza viviu nesta fin de semana uns episodios "negros" en canto ao servizo que prestan. "O pasado día 28 resultou ser un novo día negro para os servizos comarcais de bombeiros, xa que as irregularidades da prestación do servizo volveron a repetirse de xeito simultáneo nas catro provincias", afirman nun comunicado.

Así, inciden en que dos 4 parques que dependen do Consorcio Provincial de Extinción de Incendios e Salvamento de Pontevedra, tan só permaneceu aberto o Centro de Traballo de Porriño. "Isto quere dicir que os 50 concellos aos que presta servizo este consorcio dependían da atención que brindaba o parque porriñés".

A isto engaden que o parque que atende as instalacións de Inditex, desde o polígono industrial de Sabón, Concello de Arteixo, e que atende a meirande parte da Comarca da Coruña —excluíndo o concello coruñés, que conta con bombeiros propios— "tivo que botar o peche por non acadarse os efectivos mínimos que esixe a folga, a pesares de non haber ningún traballador secundándoa".

A listaxe de incidencias segue. No Barbanza, afirma este colectivo,"por mor das avarías que se suceden nos vehículos cos que se presta o servizo; camións con 20 anos de antigüidade e con un mantemento deficitario", só puido estar operativo un dos dous parques. 

Outros, como o da comarca de Chantada estivo pechado até as 12 do mediodía ("xa arrastraba o peche dende a xornada anterior por irregularidades horarias"), e o parque do Carballiño, prestou atención durante a xornada "con dous efectivos, algo que atenta contra as esixencias legais estabelecidas".

A día de hoxe, informa o comunicado, xa se produciron 380 peches de parques dende o inicio da folga de bombeiros, en 15 de xuño. Destes peches ningún é atribuíbel a que os traballadores estean a secundar a folga, senón á falla de persoal e á negativa dos bombeiros a facer horas extras.