Alertan do empeoramento da saúde mental no ensino: un 40% do persoal docente acusa ansiedade ou depresión

Pablo García, Borja Campos, Cuqui Vera e Nany Pizarro, representantes de CCOO-Ensino. (Foto: Europa Press).
A Federación de Ensino de CCOO na Galiza presentou esta terza feira en Compostela as conclusións de dous estudos que analizan o estado da saúde mental no ámbito da educación. 

A Federación de Ensino de CCOO na Galiza presentou esta terza feira en Compostela as conclusións de dous estudos que analizan o estado da saúde mental no ámbito da educación. 

A segunda edición do Barómetro Internacional da Saúde e do Benestar do Persoal da Educación, correspondente ao ano 2023, apunta certa volta ao equilibrio após a pandemia da Covid-19 e malia remarcar que as profesionais docentes gozan de condicións máis favorábeis nuns territorios ca noutros, sobre todo na contorna laboral e no acceso a ferramentas dixitais, o informe revela preocupacións "xeneralizadas", que transcenden fronteiras. Neste sentido, o profesorado amósase insatisfeito cos indicadores de tempo de traballo, a falta de recoñecemento e apoio, o desequilibrio entre vantaxes e desvantaxes e entre vida profesional e persoal e o nivel de violencia que soportan no traballo.

Segundo trasladou esta terza feira a Federación de Ensino de CCOO, un 40% do profesorado do Estado manifesta síntomas de ansiedade ou depresión, unha porcentaxe que sobe até 65% no caso do estrés. O ambiente laboral, a presión, a sensación de ter a obriga de dar clase, a falta de recoñecemento ou as dificultades para equilibrar a faceta persoal coa profesional son algúns dos factores que desembocan nos problemas de saúde que refire o colectivo.

Violencia

Un 84% do profesorado recoñece ter acudido ao seu centro impartir aulas malia se atopar mal de saúde e un 25% afirma ter sufrido algún tipo de violencia, mentres que un 44% declara ter sido testemuña dun episodio deste tipo.

Neste sentido, o informe A saúde mental na educación, elaborado pola Fundación 1 de maio, sinala que o nivel de violencia no lugar de traballo no ensino está por riba da media en comparación con outros sectores, sinala , que inclúe tanto a violencia física como a violencia psicolóxica (bullying, acoso, mobbing) tanto de compañeiros como de non compañeiros.

O persoal docente reclama máis formación, novas oportunidades de desenvolvemento profesional, maior recoñecemento polo seu traballo e unha maior atención á súa saúde: revisións médicas profesionais e acceso a recursos de formación e prevención sobre saúde e benestar, o que exixe, declarou Borja Campos, responsábel de saúde laboral de CCOO-Ensino, unha avaliación dos riscos psicosociais no sector educativo que a Xunta da Galiza iniciará esta mesma semana co envío de cuestionarios específicos a todos os centros.

Malestar infantil e xuvenil

Polo que se refire á saúde mental na poboación infantil e xuvenil, a pospandemia derivou nun ascenso de 47% dos casos de patoloxía mental e de 59% de comportamento suicida con respecta ao ano 2019. As consultas en nos servizos de urxencias aumentaron un 10% con incrementos notábeis de intoxicacións accidentais por psicofármacos (122%), suicidio, intentos de suicidio e ideación suicida (56%), trastornos alimentarios (40%), depresión (19%) e crises de agresividade (10%).

É "imprescindíbel" un diagnóstico axeitado da situación para poder tomar medidas, advirten desde CCOO, que piden unha abordaxe integral dos problemas de saúde mental, atendendo todos os actores da comunidade educativa, desde o profesorado até as familias.

A atención á saúde mental no ámbito escolar, conclúe o sindicato, require un grande esforzo en prevención e detección precoz de posíbeis problemas. Cómpren protocolos, recursos económicos e humanos suficientes, reitera, a comezar pola contratación de máis profesorado, máis persoal de orientación e a diminución das ratios nas aulas. "Un menor número de alumnado non só mellorará a calidade educativa, senón que lles permitirá aos docentes identificar axeitadamente situacións problemáticas ou de vulnerabilidade entre os escolares".