XAVIER ARTIGAS, DIRECTOR DE 'CIUTAT MORTA'

"O 4F non é un caso illado, hai estruturas que permiten que isto aconteza impunemente"

Xavier Artigas

Conversamos co director do documentario após a súa proxección en Compostela. Nove anos despois dos acontecementos, o relato do filme, di, "é máis actual que nunca". 

 

Leva unha camisola do movemento post-porno "en homenaxe a Patri", afirma mentres conversamos no bar O 13 de Compostela e follea a banda deseñada que recolle a revista El Jueves sobre Ciutat Morta, o documentario que co-dirixe xunto a Xapo Ortega. Con voz pausada e apurando o almorzo, Xavier Artigas debrúzase para Sermos Galiza sobre o contido do filme e a historia das persoas que o protagonizan. Un relato de torturas, impunidade, dun proceso xudicial sen garantías, racismo, clasismo, homofobia e a fotografía dunha cidade morta creada "para ser consumida". 

Estás en Galiza presentando Ciutat Morta e logo de se proxectar en moitos outros lugares froito da repercusión que tivo a súa emisión en TV3. Os acontecementos que relata aconteceron en 2006. Por que se torna de actualidade o documentario após nove anos?

Os feitos do 4-F lévanse denunciando desde o mesmo día en que foron detidos os mozos, puideron falar coas súas familias e dicirlles que foran torturados. Isto sóubose desde o 4 de febreiro de 2006 e foi denunciado en medios alternativos. A partir de aí pasa todo o xuízo e van saíndo probas que son denunciadas neses medios. Porén, en 2011 ocorren dous feitos que fan reabrir o caso. Un é o suicidio de Patricia [Heras] que aconteceu durante un permiso penitenciario. O outro foi coñecer a coincidencia existente entre o 4F e o caso de Juri Jardine. E é que os dous policías [mossos d'escuadra] que foran proba chave no 4F foron os torturadores de Juri Jardine, fillo dun diplomático negro. Isto fixo que todo estourara. Foi a raíz disto, da carraxe polo suicidio de Patri e de coñecérmonos durante o xurdimento do 15M --tamén en 2011-- que nos puxemos a traballar sobre o documentario. Cando rematamos en 2013 através das probas que achega o filme comezouse a falar outra volta do caso. Após a emisión na televisión pública catalá [TV3] a maior parte da sociedade que non coñecía o caso, entra en contacto con el e tórnase nun escándalo xeralizado. É por iso que se está a falar tanto do tema, mais pasaron xa 9 anos. 

"Após a emisión na televisión pública catalá [TV3] a maior parte da sociedade que non coñecía o caso, entra en contacto con el"

É un documentario duro polos feitos que se narran e polos testemuños que recolle. É máis habitual do que cremos que se produzan?

Bon. Neste proxecto sempre quixemos deixar claro que non se trata dun caso illado. Por iso gostamos de falar da cidade en xeral e non só do 4F. De aí que o filme se chame Ciutat Morta. A nosa tese é que hai unhas estruturas determinadas que permiten que isto aconteza con total impunidade. Sempre dicimos que o tema é máis actual que nunca pois hai un par de semanas detiveron 6 persoas nunha casa okupa de Barcelona. A detención produciuse baixo a acusación de pertenza a banda armada, anarquista neste caso, malia non haber probas contundentes nen atentado de ningún tipo. O mesmo vimos aquí en Galiza con ese inimigo público que se chama Resistencia Galega. Embora non terse producido nada comparábel coa ETA fíxoselles unha criminalización sob a que xustificar detencións irregulares, tratos vexatorios e a estigmatización de persoas que non foron xulgadas. Baixo unha sospeita relativa publícanse as súas caras e nomes [na imprensa] para que toda a sociedade as xulgue sen ter ningunha garantía de que sexan terroristas. Este é o mesmo modus operandi que o 4F. O que narra o filme é exactamente isto. Que unhas persoas, quer polas súas pintas, quer pola súa orixe étnica, quer pola súa ideoloxía, xa son estigmatizadas e xulgadas pola policía directamente. Un xuízo previo que será posteriormente avalado xudicialmente. Isto é máis propio dun estado policial que dunha democracia. 

"O filme narra como unhas persoas son estigmatizadas e xulgadas quer polas súas pintas, quer pola súa orixe étnica, quer pola súa ideoloxia"

Falando do caso de Juri Jardine e da relación que se estabelece co 4F... Na presentación da Gentalha do Pichel dixeches: 'Cantos negros tiveron que ser apaleados até que deron co fillo dun diplomático'. Non todas as vidas valen o mesmo?

Coido que non é casual. É moi difícil que xusto o día en que a un grupo de gardas urbanos se lles vai a man e deciden torturar a alguén, é moita casualidade que dean co fillo dun diplomático. O feito de que sexa o fillo dun diplomático negro é sintomático do tipo de persoas ás que cren que poden vulnerar os seus dereitos con total impunidade. É dicir, non van torturar a rapaces cataláns de boas familias porque xa ven que aspecto teñen. Saben que esas boas familias levarán a xuízo o caso e poderían perdelo. No entanto, se se meten con indocumentados, traballadoras sexuais ou xente que está nunha situación de vulnerabilidade é moito máis doado que os seus casos fiquen impunes. Nese senso, parécenos que foi moi mala sorte que após torturaren durante toda unha noite a un negro se enterasen de que era fillo dun diplomático. Puxéronlle unha denuncia por un presunto caso de tráfico de drogas. A Fiscalía pedía para el 12 anos de cadea. Imaxinemos que este rapaz non for fillo de diplomático e non puider probar --através de transferencias bancarias-- que tiña moito diñeiro, o que facía pouco probábel que for un delincuente común. De non poder probalo este rapaz estaría agora na cadea e os gardas patrullando. 

A entrevista íntegra con Xavier Artigas publicarase no nº132 do semanario en papel, que se porá á venda a quinta feira 5 de febreiro nos quiosques e librarías do país. Un día antes, na nosa loxa.