A Xunta ''se quere pode'' frear o decreto contra a sanidade pública

Amnistía Internacional, Médicos do Mundo e Rede Acolle, co apoio do FGI e SOS Sanidade Pública, entregaron case 60.000 sinaturas para exixir que a Xunta free a entrada en vigor do RD 16/2012. Nun acto en Compostela en defensa da sanidade, Guillerme Vázquez debullou propostas nacionalistas como a aprobación dunha reforma fiscal integral e a defensa da autonomía fiscal para Galiza, cuxo obxectivo é "que paguen máis os que máis teñen"

Após de que o PP vetara no Parlamento galego o debate ao redor da ILP --Iniciativa Lexislativa Popular-- avalada por ao redor de 45.000 sinaturas --o triplo das que cómpren--, e perante a entrada en vigor o vindeiro 1 de setembro do decreto 16/2012, a plataforma SOS Sanidade Pública vén de apoiar na Galiza, xunto co Foro Galego de Inmigración, a entrega de 59.146 sinaturas en forma de botiquín perante a Xunta para exixir que se rebele e se negue a aplicar no territorio a norma pola situación de regresión e discriminación que traerá canda si.

Así as cousas, Sermos Galiza publicou no semanario nº4 unha reportaxe que levaba por título Cando o darwinismo político manda. Unha das voces que fixo parte desa información, Carlos V., enfermo de sida desde hai 14 anos, manifestou o seu convencemento en que "este recorte ideolóxico vai carrexar mortes". As súas palabras confirmáronas esta terza as organizacións Amnistía Internacional, Médicos do Mundo e Rede Acolle, que xestionaron a recollida de sinaturas a nivel estatal.

Euskal Herría non aplicará o decreto. E na Galiza?
Desde o FGI, Miguel Fernández fala do caso dunha persoa da Coruña cuxos riles non funcionan con normalidade e de perder o dereito á sanidade gratuita non podería afrontar o custo das diáleses que precisa. "Confiamos en que a esa persoa non a van deixar sen asistencia", sinala, mais engade que o que si se vai rexistrar é "un deterioro progresivo na saúde" de quen non poida acceder a un tratamento. Ilustra a súa certeza co caso dunha muller mexicana que precisa un tratamento polo que paga case 400€, ficando ela acollida ao baremo de persoas traballadoras que só achegan o 40% dos medicamentos por gañaren até 18.000€ ao ano. "Como vai pagar este tratamento de maneira íntegra?", pregunta Fernández. Recordando a Carlos V., sostiña el que o decreto se traducirá en menos calidade de vida e que as persoas enfermas terán que escoller entre a comida e a saúde.

"Exiximos que as comunidades autónomas non apliquen o decreto", explica Ana María Mateo desde Médicos do Mundo. Ao lle preguntarmos se confía realmente en que a Xunta vaia recuar e rebelarse, tal e como fixeron outros territorios como Euskal Herria, Mateo recoñece que "non estamos a ter unha resposta moi positiva", mais ten claro que esta norma "inxusta" non vai axudar na recuperación das arcas do estado. "Só suporá un retroceso a nivel de dereitos".

"Nós non miramos os de aquí e os de fóra como algo diferente, senón que quen vive no territorio vasco é de aquí e traballa por el". Son as declaracións da voceira do Goberno vasco, Idoia Mendia, o mesmo dia en que anunciou que no sistema sanitario público prestarían atención á poboación migrante en situación irregular --ao redor de 17.000 persoas-- máis aló do 1 de setembro. "Hai aspectos onde si que se deu marcha atrás, e semella que se está a procurar unha alternativa para os mozos maiores de 26 anos que non teñen traballo e non se poden incluír no cartón dos pais", explica Miguel Fernández, quen atribue o cambio de actitude "á presión social". A última mobilización nacional de SOS Sanidade Pública, o 3 de xuño, foi multitudinaria.

A obxección de conciencia d@ médic@ non resolvería
A Xunta "se quere pode" asumir a atención sanitaria deste colectivo e, en consecuencia, frear a aplicación do real decreto. Na Galiza, o colectivo migrante supón un 3% da poboación --111.600 persoas das que unhas 8.000 estarían en situación irregular e ao redor de 30.000 chegaron desde Portugal--. Poden regularizar a súa situación polo vieiro do arraigamento despois de tres anos no país e coa condición de dispor dun emprego remunerado. Esta posibilidade deixa fóra de maneira especial ás mulleres, ao traballar moitas delas como empregadas do fogar, na economía somerxida. Desde setembro de 2011, un decreto contempla na Galiza a exixencia de 183 días de empadroamento para as persoas que queiran dispor de cartón sanitario, a excepción das mulleres embarazadas e d@s menores. Non se están a repectar nin estas excepcións.

Miguel Fernández ten claro que o máis reprochábel da norma imposta desde Madrid co visto e prace da Xunta é a discriminación que agocha. "Ti podes eliminar unha prestación, e sería discutíbel, mais toda a poboación ficaría sen ela. O que non podes é deixar fóra do sistema sanitario un colectivo e, neste caso, un colectivo en situación de exclusión social". Razoa o voceiro do FGI que, a pesar de que o persoal sanitario anunciou a súa intención de se declararen obxector@s de conciencia --seguindo unha chamada da Sociedade Española de Medicina de Familia e Comunitaria--, aínda que presten atención e expidan unha receita "na farmacia tamén cómpre o cartón para retirar os medicamentos".

Turismo sanitario? Canto lle custa a unha persoa colombiana vir a Galiza?
Ao entender desta organización, colocar o argumento do 'turismo sanitario' como excusa para aplicaren o decreto "é facer populismo". Se a porcentaxe de poboación activa na Galiza se sitúa no 55%, de analizarmos só o colectivo inmigrante aquela subiría até o 70% "porque son persoas adultas que veñen traballar", polo que a presión que exercen sobre o sistema sanitario "é mínima" respecto de nen@s e idos@s, agás a maternidade.

Así as cousas, calculamos o que lle custaría chegar a Galiza a unha persoa, por exemplo, de Colombia: o billete de avión de ida e volta roldaría os 2.000€; o permiso só se concede para tres meses, mais para poder entrar no territorio cumpriríalle traer canda si, en efectivo, unha cantidade de cartos que se calcula multiplicando o 10% do salario mínimo interprofesional --2012 => 641,40€-- polo número de días que quere botar aquí. O resultado serían 64,14€ para cada día; só poderá entrar se vén convidada por unha persoa que acredite vivenda en propiedade, ou cunha reserva de hotel pagada por adiantado para ese tempo. "Aínda hai quen pensa que veñen por turismo? Veñen para gañaren a vida!", remarca Miguel Fernández, quen engade que o turismo sanitario "é un turismo de ricos".

Guillerme Vázquez: ''Hai cartos que evitarían os recortes, mais téñenos catro''
Do mesmo evento fixo parte tamén o BNG --partido político que se integra na plataforma, ao igual que o PSOE--. O seu voceiro nacional, Guillerme Vázquez criticou a política de recortes do PP e deixou claro que "existe unha Galiza que non se resigna". Aseverou Vázquez que existen alternativas ás medidas regresivas aprobadas pola dereita, e remarcou que "hai cartos que evitarían os recortes, só que os teñen catro".

Acto seguido, debullou as propostas d@s nacionalistas, entre as que se atopan a aprobación dunha reforma fiscal integral e a defensa da autonomía fiscal para Galiza, cuxo obxectivo é "que paguen máis os que máis teñen". Así mesmo, defendeu a supresión das deputacións, do gasto militar e das axudas á igrexa católica. O voceiro nacionalista avogou tamén, pola loita contra a fraude –-que permitiría recadar 85.000 millóns de euros--, e os paraísos fiscais.

Nun estudo recentemente publicado polo sindicato de técnicos de Facenda, determinouse que o 72% da fraude fiscal é desenvolvida polas grandes fortunas, as grandes empresas e a banca. Co ollar posto no último paquete de recortes, nomeadamente no que atinxe a dous dereitos fundamentais como son a sanidade e a educación, Guillerme Vázquez aproveitou para chamar á manifestación convocada pola fronte nacionalista o vindeiro 25 de xullo, como resposta masiva ás políticas antisociais e como parte da loita pola "democracia, a soberanía e o traballo".