Máis de 5.000 persoas maniféstanse en Compostela en solidariedade con Palestina

Acto de feche da manifestación en solidariedade con Palestina na praza compostelá de Praterías. (Foto: Nós Diario).

As rúas de Compostela acolleron na maña deste domingo unha nova mobilización en solidariedade con Palestina. Os asistentes reclamaron o cese da agresión de Israel contra a faixa de Gaza.

A marcha en apoio de Palestina xuntou, segundo a policía, a máis de 5.000 persoas nas rúas de Compostela. A mobilización, convocada pola Asociación Galaico Árabe Jenin, BDS Galiza, Mar de Lumes e Galiza por Palestina contou co apoio de organizacións políticas, sindicais e sociais. Así, entre os asistentes atopábanse a candidata do BNG á Presidencia da Xunta da Galiza, Ana Pontón, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, ou a alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín.

A elevada asistencia a mobilización sorprendeu aos propios organizadores, que entendían que tras tantas semanas de loita podía decaer a participación na marcha. Porén, a manifestación resultou ser unha das máis numerosas das vividas na Galiza após a nova fase do conflito en Palestina.

As entidades organizadores da manifestación destacaron que a alta participación na mesma evidencia que “a loita palestina non está isolada no mundo”. Neste punto, aseguraron que “fai parte da loita dos pobos por exerceren a súa soberanía sen seren tutelados, teledirixidos ou agredidos”.

A mobilización desenvolveuse 10 semanas despois do comezo da nova fase de agresións de Israel contra Palestina. Precisamente, en resposta a esta intervención militar téñense organizada desde o mes de outubro 160 concentracións en 20 localidades diferentes da Galiza.

O ‘xenocidio’ palestino

A marcha rematou coa lectura dun manifesto elaborado polas entidades organizadores. No mesmo, denunciábase  que “o que está a acontecer en Gaza, na Palestina toda, non é unha guerra”, nin una “novidade,  senón “parte dun programa de limpeza e substitución étnica que dura xa dura xa 75 anos, e que neste momento adquire forma de xenocidio, con todas as letras”.

Os convocantes esixiron “o fin da invasión de Gaza, a retirada dos asasinos israelitas e a reparación ás vítimas” A este respecto, sinalaron que “Estado de Israel é unha entidade criminal” e “os seus líderes, a comezar por Benjamin Netanyahu, deben ser perseguidos, capturados e condenados por crimes de guerra e contra a humanidade”.

Os asistentes reclamaron “a quen nos goberna que recoñeza e protexa o dereito do pobo palestino agredido a se defender de quen pretende exterminalo”. Neste sentido, denunciaron o proceso de criminalización do pobo palestino e das súas institucións e organizacións políticas..

A protesta serviu para condenar “o vergoñento veto dos Estados Unidos a unha resolución vinculante no seo do Consello de Seguranza das Nacións Unidas para pór fin ao xenocidio en Gaza” e a “política de contemporización con Israel e en particular,o servilismo da Unión Europea e do Goberno español aos lobbies sionistas”.

As entidades promotoras da mobilización instaron ao Estado español e á Unión Europea ao inmediato recoñecemento do Estado palestino con todas as súas atribucións e capacidades, tal como xa fan ducias doutros Estados do mundo”.