Dos 503 casos activos de coronavirus na Galiza só 16 permanecen no hospital

Interior dun hospital (JCCM/EP).

Sexto día sen falecementos e máis de 10.200 persoas curadas.

O coronavirus continúa a reducir a súa incidencia na Galiza, situándose en niveis moi diferentes aos que rexistraba cara á mediados de abril, cando se atinxiu o pico da pandemia.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, esta terza feira, o número de casos activos de coronavirus na Galiza é de 503.

Deles 112 son da área da Coruña, 31 da de Lugo, 37 da de Ourense, 13 da de Pontevedra, 192 da área de Vigo, 105 da de Santiago, e 13 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 1 permanece en UCI, 15 están en unidades de hospitalización e 487 no domicilio. Polo de agora, na Galiza hai un total de 10.275 persoas curadas, rexistrándose 618 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 152.130.

Residencias

No que atinxe ás residencias de anciás, hai 34 casos activos (4 menos ca onte), dos que 18 son de persoas usuarias mentres que 16 son de traballadoras e traballadores.

Os falecementos son 274: 132 en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas.