Vilariño de Conso

[VÍDEO] Así traballan as brigadas para evitar que o lume calcine por completo o parque natural do Invernadoiro

Fotograma dun vídeo compartido en redes sociais por brigadistas de Laza.
A Xunta evita informar sobre a superficie afectada dentro do parque; porén O Invernadoiro abrangue 5.722 hectáreas e neste incendio, orixinado na parroquia de Pradoalbar, queimáronse 5.200 hectáreas, polo que algúns bombeiros estiman que puido arder máis de 50% deste rico espazo natural.

A superficie queimada no incendio do municipio de Vilariño de Conso, na parroquia de Padroalbar, medrou xa até as 5.200 hectáreas, segundo a información provisional da Consellaría do Medio Rural ás 13.30 horas desta quinta feira, o que supón un milleiro de hectáreas máis que o dato das 8 horas.

Este gran lume forestal ataca o Parque Natural do Invernadoiro, malia que Medio Rural limItase a apuntar na súa información que as chamas "afectan" esa paraxe, sen aclarar cal é a superficie arrasada dentro do parque.

Cómpre lembrar que, con base nos datos da Xunta, o parque natural conta cun total de 5.722 hectáreas, e na tarde desta cuarta feira, cando este incendio arrasara unhas 4.000 hectáreas en Vilariño de Conso, bombeiros forestais advertiran a Nós Diario que ardera xa "50% do parque". Aliás, salientaban que, a pesar de todo, as autoridades "queren deixalo para mandarnos a [sufocar] outro lume distinto".

Esta mesma quinta feira persoal da brigada de Laza vén de compartir diferentes imaxes e vídeos do seu traballo para conter o avance das chamas en condicións extremas.

Un espazo de enorme valor ambiental

O parque do Invernadoiro é un lugar de grande importancia ecolóxica na Galiza tanto pola singularidade dos seus ecosistemas como pola súa morfoloxía e paisaxe.

Pertence ao Goberno galego desde 1984 e foi declarado parque natural en 1997. No seu interior non existen núcleos habitados. Os principais hábitats son os breixos, pero tamén de elevado interese son as carballeiras e os bosques de acivros. Cunha rica diversidade biolóxica, o lobo e a aguia real atópanse na cima da cadea trófica.