Seis de cada dez persoas de entre 18 e 34 anos residen aínda na vivenda dos seus proxenitores

O conselleiro de Emprego, José González, agasalla unhas mochilas a unhas participantes na feira de Empregoln en Ourense. (Foto: Xunta da Galiza)

A poboación galega emancípase cada ano con maior idade desde a crise de 2008. As persoas de entre 18 e 34 anos que residen no fogar familiar incrementáronse en cinco puntos desde 2007, cando arredor de 256.000 mozas e mozos nesa faixa estaban emancipados, é dicir, 110.987 máis que na actualidade.

Até 260.823 persoas de entre 18 e 34 anos viven coas súas nais e ou cos seus pais. Segundo os datos achegados pola Enquisa Estrutural de Fogares para 2022, último ano con cifras, que publica o Instituto Nacional de Estatística (INE), 64,3% da poboación nesa faixa de idade reside na vivenda familiar. Asemade, 144.045 son homes e 116.778 mulleres, incrementándose a porcentaxe destas a medida que aumenta a media de idade, como consecuencia do seu papel nos coidados das persoas maiores.

143.941 mozos e mozas de entre 18 e 24 anos residen na vivenda familiar, representando 90,4% do total dos membros dese grupo de idade. Ao tempo, 116.881 homes e mulleres de entre 25 e 34 anos partillan fogar cos seus proxenitores, supondo 42,2% do total dese colectivo. Nesta faixa, a maior porcentaxe rexístrase entre a poboación de 25 a 29 anos, onde 72,2% da mesma reside no domicilio da familia. O INE sinala que dos 143.941 mozos e mozas entre 18 e 24 anos que residen na vivenda familiar, 60.014 carecen de ingresos; 19.773 rexistran ingresos inferiores a 200 euros mensuais; 30.534 ingresan entre 200 e 600 euros ao mes; 15.620 rexistran ingresos de 600 a 1.000 euros e 13.996 teñen ingresos superiores a 1.000 euros mensuais.

As cifras son análogas para as persoas entre 25 e 34 anos. Neste caso, dos 116.881 homes e mulleres que partillan fogar cos seus proxenitores, 17.358 non posúen ingresos; 5.570 declaran ingresos menores a 200 euros ao mes; 18.148 teñen ingresos de 200 a 600 euros mensuais; 19.143 declaran ingresos entre 600 a 1.000 euros e 56.661 declaran uns ingresos superiores a 1.000 euros ao mes.

O número de persoas de entre 18 e 34 anos que residen no fogar dos proxenitores non deixa de incrementarse na Galiza. Así, en relación a 2021 aumentou en 6.192 cidadáns e cidadás en 1,2 puntos porcentuais. Pola súa parte, en referencia a 2020, medrou en 512 homes e mulleres e en dúas décimas, malia darse as cifras destas dúas anualidades nun contexto de pandemia e de paralización da actividade económica como consecuencia do confinamento.

Unha achega a esta realidade en función da súa evolución no tempo permite observar o seu alcance: a poboación de entre 18 e 34 anos que reside no fogar familiar incrementouse en cinco puntos desde 2007, cando arredor de 256.000 mozas e mozos nesa faixa de idade atopábanse emancipados, é dicir, 110.987 máis que na actualidade. Nesta perspectiva, boa parte de estudos sobre o tema, como o elaborado por Intermon Oxfam en 2022, explican a situación actual da mocidade como resultado dun ciclo que arranca coa Gran Recesión de 2008.

Poder adquisitivo

As dificultades da mocidade para emanciparse atende a razóns económicas. Os elevados niveis de desemprego, os baixos salarios, a alta temporalidade, a parcialidade na contratación e as importantes taxas de pobreza entre o colectivo explican esta situación. Precisamente, a poboación de 18 a 24 anos presenta os máis elevados niveis de empobrecemento da sociedade galega, con 20,8% do total desa faixa etaria nesa situación.

Os últimos datos da Enquisa da Poboación Activa (EPA), referidos ao segundo trimestre de 2024, apuntan que o desemprego para a poboación de 18 a 34 anos sitúase en 24,1%. A porcentaxe alcanza 45,4% para a faixa de idade 18-19 anos; 24,4% para o grupo que vai dos 20 aos 24 anos; 16,4% para a faixa de 25 a 29 e 10,3% para o grupo de idade de 30 a 34. Nesta dirección, a taxa de paro xuvenil supera en 14,6 puntos a media galega, que marca nese período 9,5%.

As persoas de entre 18 e 34 anos representan 17,7% da poboación galega, mais significan 37,8% do total dos desempregados. Así, no segundo trimestre de 2024 sumaba 45.300 desempregadas e desempregados para unhas cifras totais de 119.800 desocupados. Nesta liña, Galiza é a cuarta comunidade do Estado que rexistra a menor taxa de actividade xuvenil, situándose só por diante de Asturias, Cantabria e Estremadura.

Os baixos salarios condicionan as posibilidades de emancipación xuvenil, amosa o último avance da Enquisa da Estrutura Salarial, presentada o pasado mes de xuño e con datos referidos a 2022. Sinálase nela que o salario medio na Galiza situouse nesa anualidade en 24.169, porén, esta contía reduciuse para a poboación de entre 25 e 34 anos a 19.310 euros, isto é un 20,1% por baixo do conxunto galego.

A parcialidade marca a realidade laboral da mocidade galega:o 26,6% da poboación de entre 18 e 34 anos traballa a tempo parcial, fronte a 14,1% do conxunto das faixas de idade. Asemade, os datos procedentes da EPA indican que 51,2% desta parcialidade é de carácter involuntaria, o que reflicte aínda máis a súa gravidade.

A porcentaxe de traballo a tempo parcial alcanza 54% entre a faixa de 18 a 19 anos. Asemade, no grupo de 20 a 24 anos chega a 36,2%. Neste sentido, 21,5% de todos os contratos parciais correspóndense coa poboación de entre 18 e 29 anos, cando este grupo etario significa só 11,4%. Asemade, 77,9% de todos os contratos nesta faixa de idade danse nos servizos, 12,8% na industria, 5% na construción e 4,3% no sector primario.

Temporalidade

A temporalidade é tamén moi superior entre a mocidade. Nesta liña, a EPA indica que 38,4% da poboación entre 18 e 34 anos non dispón de contrato indefinido, o que representa unha porcentaxe 22,3 puntos por encima da media galega.

O prezo do aluguer incrementouse en 2023 de media en 7,7% na Galiza

O Informe do Observatorio da Emancipación elaborado en 2023 polo Consello da Xuventude de España apunta que as principais causas que impiden o aceso da mocidade á vivenda atópanse na progresiva caída do seu poder adquisitivo, nos elevados prezos do aluguer, especialmente nos grandes núcleos urbanos, e no sobreendebedamento  que provoca alugar unha vivenda en solitario.

Os datos achegados polo Observatorio da Vivenda da Galiza, procedentes das licenzas depositadas no Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), sinala que das 35.750 fianzas depositadas durante o ano 2023 en toda Galiza, 11.400 correspóndense coas cidades da Coruña e Vigo, que concentran o maior número de vivendas en aluguer, cun prezo medio mensual de 620 euros e 612 euros respectivamente. Precisamente, na Coruña o aluguer incrementouse en relación ao ano 2022 en 7,6% e en Vigo en 8,9% .

O arrendamento encareceuse unha media de 7,7% no exercicio de 2023 no conxunto da Galiza, marcando unha alza moi superior nas sete cidades. Así, en Ferrol medrou 9,6%, situándose de media en 439 euros mensuais; en Compostela creceu 9,2%, situándose de media en 566 euros mensuais; en Pontevedra subiu 9,2%, con 582 euros ao mes; na cidade das Burgas medrou 7,9% situándose de media en 479 euros mensuais; e en Lugo subiu 7,8%, póndose desta maneira en 470 euros ao mes. O incremento da oferta destinada ao aluguer turístico e vacacional xunto ao reducido número de vivendas protexidas explican parte desta suba dos custos.