6-O: mobilización nacional contra o xenocidio e en solidariedade co pobo palestino

Ángela Gippini, Sara Ashour e Óscar valadares, da Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina. (Foto: Arxina)
A Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina, conformada pola Asociación Galaico Árabe Jenin, Galiza por Palestina e Mar de Lumes anunciou esta segunda feira a convocatoria dunha manifestación nacional, o vindeiro 6 de outubro, con saída ás 12 horas desde a Alameda de Compostela.

Na véspera do aniversario do xenocidio en Gaza, a Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina chama a unha mobilización nacional na Galiza para denunciar a agresión desmedida e inhumana que soporta o pobo palestino, non só desde o 7 de outubro, senón desde hai 76 anos.

"O estado terrorista de Israel leva décadas utilizando a forza militar e a violencia desmedida para manter un réxime de Apartheid na Palestina", lembraron en rolda de prensa Ángela Gippini, Sara Ashour e Óscar Valadares durante a presentación da convocatoria.

Desde a coordinadora galega condenan Israel polas súas "prácticas de violencia extrema" que deixan moitas máis das 40.000 vítimas mortais que están confirmadas. "Falamos de milleiros de desaparecidas e de milleiros de feridas e enfermas que non teñen posibilidade de atención médica".

Dentro e fóra de Gaza

O movemento Galiza con Palestina denuncia os chamamentos de altos cargos israelís ao xenocidio total en Gaza e á limpeza étnica de toda a Palestina. "Estes chamamentos nos pasados días tiveron como resultado operacións militares en Cisxordania, numerosos asasinatos, secuestros e destrución de zonas urbanas".

Neste sentido destacaron que os ataques por terra e aire en Jenín, Nablus, Tulkarén e Tubas tiveron como obxectivo principal os campos de refuxiados, incluíndo ataques a persoal médico e aos xornalistas que tentaban informar.

A coordinadora galega denuncia, ademais, que desde outubro de 2023 máis de 652 palestinas foron asasinados fóra de Gaza, incluídas 151 crianzas, máis de 3.300 desprazadas e unhas 12.000 detencións arbitrarias. "Estas son ás verdadeiras reféns, as secuestradas polo exército de ocupación israelí e os colonos".

Violencia en Cisxordania

Cisxordania virou nas últimas semanas no foco dunha violencia crecente, que coincide con niveis nunca vistos de desprazamentos e roubos de terras na colaboración do exército coas milicias de colonos armados. "Todo isto continúa incluso despois de que a Corte Internacional de Xustiza concluíu que a ocupación é ilegal e Israel debe desmantelar os asentamentos", salientaron.

É por iso que condenan a Unión Europea "pola súa vergoñenta pasividade". "Criticamos a posición ambigua do goberno de España que por un lado recoñece o estado de Palestina, mais non cesa o comercio de armas nin aplica accións inmediatas. E non podemos esquecer o goberno galego, quen non foi capaz de aprobar unha declaración institucional pola Palestina e oculta as numerosas conexións e acordos comerciais con Israel", censuraron.

A Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina urxe a unión de todas as institucións deberían para "actuar con contundencia e romper os acordos académicos, comerciais, económicos e as relacións diplomáticas con Israel".

Estas son as únicas medidas efectivas para parar o xenocidio do pobo palestino, concluíron, polo que fan un chamamento urxente ao pobo galego para se mobilizar nunha grande manifestación nacional o vindeiro 6 de outubro en Compostela.

"Ese día, véspera do aniversario do xenocidio en Gaza, queremos que a Galiza levante a súa voz ante a inxustiza, que se manifeste en solidariedade co pobo palestino e que esixa accións concretas de quen nos goberna".