Un paciente oncolóxico, 'esquecido' durante 61 horas nas Urxencias do CHUS: "Isto é insostíbel"

Urxencias do CHUS, en Compostela (Foto: Nós Diario).
Denúnciao a Asociación de Pacientes, que esta cuarta feira participará da mobilización fronte ao hospital en apoio á doutora Fátima Nercellas, expedientada polo Sergas após atender dous doentes nos corredores de Urxencias.

A Asociación de Pacientes do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) veñen de denunciar que un paciente diagnosticado de cancro, cuxas inicias son J.A.C.R., permaneceu até 61 horas en observación nas Urxencias deste hospital agardando por unha cama.

"O meu pai, paciente oncolóxico, entrou en Urxencias a noite da terza á cuarta feira [16 de febreiro] ás 5.30 horas da madrugada. Ás 11.30 horas da cuarta dinnos que queda ingresado e que para iso ten que facer unha PCR. Dez horas máis tarde danlle o resultado do test e lévano a Observación, onde solicitan unha cama. A quinta feira, contra as 19 horas, dixéronlle que había unha dispoñíbel e ás 2.30 horas da sexta feira dinlle que a cama foi asignada a outra persoa. Hoxe, día 18 [pola pasada sexta feira], segue en Observación nunha padiola. Esta situación é insostíbel. Un paciente oncolóxico con insuficiencia respiratoria nunha padiola tanto tempo. Á fin, contra as 19 horas da sexta [18 de febreiro] e máis de 44 horas despois de entrar en Observación, foi trasladado a planta hospitalaria", relata á Asociación de Pacientes do CHUS a súa filla, P.C.S..

Para o colectivo de persoas doentes exixen que se respecten os "criterios de calidade" do servizo de Urxencias e que se poñan camas ao dispor das e dos pacientes "no tempo e o momento en que o precisen".

Da mesma forma, piden "que sexan apartados dos seus cargos os directivos do servizo e da Xerencia que incumpren reiteradamente as súas obrigas cos pacientes que facemos uso das Urxencias hospitalarias".

"J.A.C.R. permaneceu nunha padiola de observación e non nunha cama, como estabelecen os estándares de calidade, máis 44 horas agardando o ingreso hospitalario, sen que exista xustificación ningunha para esa demora, xa que o nivel de ocupación das camas, segundo a información do pulso do CHUS, era de 60%", salienta a Asociación de Pacientes.

Mobilización de apoio á doutora Nercellas

Por outra parte, a Xunta de Persoal do CHUS convocou unha mobilización fronte ao Hospital Clínico de Compostela esta cuarta feira, 23 de febreiro, contra as 12 horas, para manifestar o seu apoio á doutora Fátima Nercellas, expedientada após atender dous pacientes nos corredores de Urxencias. A esta convocatoria sumouse a Asociación de Pacientes.

"Este é o terceiro intento de abrirme un expediente nos últimos quince anos de actividade sindical, e tamén o que máis lonxe chegou. Nos puntos que leva o expediente vese que é unha represalia. Non puideron facer nada coas miñas declaracións sindicais e quedaron co punto da 'desobediencia' a unhas instrucións básicas, unhas normas de funcionamento. Non desobedecín, porque [as normas] din que o paciente, antes de pasar a observación, será valorado por un facultativo nos espazos existentes para iso. Onde mo puxeron? No corredor. E aí o atendín", dixo a doutora, nunha recente entrevista concedida a Nós Diario.